Científicos e tecnolólogos convocados polo ITMATI tentarán resolver en Santiago cinco retos empresariais

venres, 6 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Poden as matemáticas, o cálculo avanzado, resolver os grandes retos científicos e empresariais do noso tempo? Sen dúbida poden, e o mellor de todo é que teñen un gran escenario onde demostralo, as redes, amais dunha materia prima inmellorábel da que botar man: o que se coñece como datos a gran escala (Big Data). Para lucir posibilidades do cómputo e capacidade de resolución no ámbito da Industria 4.0, o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), en colaboración coa Rede Española Matemática-Industria (Math-in), organiza a 139ª European Study Group with Industry (139 ESGI).
Nesta xuntanza retarase a empresas de sectores punteiros como o petroquímico, o forestal, o enerxético e o siderúrxico a que formulen problemas industriais que un equipo de científicos e tecnólogos resolverá en cinco días. O encontro arrinca o luns 9 na Facultade de matemáticas e durará ata o día 13.
Entre as empresas que participan este año figuran as coñecidas Repsol e ArcelorMittal e firmas de tamaño medio de sectores emerxentes como EcoMT e Biomasa Forestal. “Todas reciben asesoramento matemático para resolver necesidades estratéxicas”, explica a directora de ITMATI, Peregrina Quintela. Logo do traballo realizado ao longo das xornadas de ESGI as solucións atopadas serán a semente de proxectos de transferencia tecnolóxica.
Segundo informa a USC, os equipos de investigadores que se enfrontarán aos cinco retos estarán compostos sobre por estudantes de formación superior relacionados coas matemáticas, baixo a coordinación dun investigador senior.
Os ESGI, para quen non o saiba, son eventos itinerantes que se celebran de cinco a sete veces ao ano en distintas cidades europeas (entre as que se inclúen Porto, Varsovia, Sofía, Utrecht, Manchester e Dublín) cunha duración dunha semana. En España xa tiveron lugar en Sevilla, Barcelona e Santiago de Compostela, que agora recibe o evento por cuarta vez.
Un dos piares temáticos desta edición compostelá será sen dúbida a Industria 4.0 e as súas diferentes modalidades e vertentes, unhas variantes que nos mergullan nunha transformación que o ITMATI di que non teñen precedentes. De cousas concretas como combinar a dixitalización de todos os procesos das empresas co uso de algoritmos avanzados para permitirlles identificar tendencias e comportamentos; tomar decisións máis sólidas; optimizar procesos; mellorar a calidade dos seus produtos; ou reducir custos, etc, falarase (e moito) no marco da semana ESGI de Santiago.
Entre as empresas que van estar presentes na actividade atópase a devandita Repsol, que certifica así a súa aposta polo papel das matemáticas como instrumento para desvelar o que permanece invisíbel. Desafíos que teñen o seus precedentes no descifrado das mensaxes que na Segunda Guerra Mundial enviaba internamente a armada alemá, mensaxes cifradas en orixe coa máquina Enigma e que cando se convertían en intelixíbeis, grazas á simulación numérica, xa era tarde de máis (xa mudaran as pautas levadas a cabo polo inimigo). Acelerar este tipo de procesos é o que expón Repsol nun dos retos que propón no 139 ESGI.

PUBLICIDADE