Ciberactivistas internacionais convocan un ataque contra a SGAE

mércores, 6 de outubro do 2010 Raquel Noya

O grupo ciberactivista internacional Anonymous, que por algún motivo que non é moi complicado adiviñar está anoxado co labor que desenvolve a SGAE no noso país, vén de convocar un ataque contra esta institución, que, de sair ben, deixará sen servizo á súa web durante a madrugada do vindeiro xoves, concretamente a partir das 00:00 horas. Segundo datos aportados polo laboratorio Panda, o ataque distribuído de denegación de servizo (DDoS) enmárcase nunha iniciativa chamada Operation Payback, organizada por usuarios do portal americano 4Chan. Un ataque DDoS consiste en lanzar numerosas peticións a un servidor que aloxa unha páxina web, de xeito que o servizo de hosting non pode soportar a carga de peticións e queda suspendido temporalmente; desta maneira, calquera internauta que intente acceder á web da SGAE, podería non ser quen de acadar o dominio. Luis Corrons, o director técnico de PandaLabs, afirmou terse posto en contacto coa SGAE “para avisalos desta convocatoria” e indicou que, “vendo a progresión de obxectivos, resultaría extraño que vaian país a país convocando ciber-protestas contra os diferentes organismos protectores dos dereitos de autor”. O ciberataque podería ser unha resposta ao intento de peche de diversas webs de intercambio de ficheiros no noso país por parte da entidade recadadora. Esta mesma web apunta que o pasado 17 de setembro, lanzaron xa un ataque contra a Asociación Americana da Industria Musical (RIAA) e a Asociación Americana Cinematográfica (MPAA), que supuxo un total de 37 caídas do servidor e preto de dúas horas de inactividade da web.
ACTUALIZACIÓN: O ataque adiantouse a esta mesma tarde, deixando inaccesibles as páxinas web da SGAE e do Ministerio de Cultura.