Chuza cumpre 3 anos

luns, 23 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

Esta fin de semana unha das webs sociais de referencia en Galicia, Chuza, cumpriu 3 anos de vida, polo que aproveitaron a ocasión para facer un reconto da súa traxectoria, na que contabilizaron 9.082 fontes de información, 142.656 comentarios, 53.304 historias, 10.470 chíos, 164.391 etiquetas, 1.324.223 votos e un total de 3.965 usuarios entre os que están os blogueiros máis activos de Galicia, que atoparon neste espazo un punto de encontro, tanto no mundo virtual coma no real.
O éxito deste medio, que segue os pasos de Digg e Menéame, está na súa natureza informativa e participativa, xa que é un sistema de recomendación de novas seguindo un control de edición non xerárquico no que os propios usuarios son os que deciden as informacións máis relevantes e matizan as mesmas coas súas opinións, que en moitos casos serven para ampliar as novas achegando un auténtico valor engadido.