Chuck Norris estrea xogo para móbiles

venres, 29 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A figura de Chuck Norris transcende dende hai tempo a súa importancia coma deportista marcial e coma actor, de xeito que é toda unha icona cultural especialmente relevante dende a existencia de certos chistes nos que aseguran que o protagonista de Walker, Texas Ranger é capaz de facer calquera cousa a base de patadas xiratorias. Aproveitando a sona do personaxe, a xente de Gameloft veñen de estrear un xogo para móbil coñecido coma Chuck Norris: Bring on the pain que nos sitúa no pelexo de Norris repartindo golpes a todo inimigo que lle aparece por diante parodiando a carreira cinematográfica e televisiva do actor e incluso enfrontándose a grandes inimigos finais coma Fidel Castro ou Kim Jong-il.

Norris empregando a súa famosa patada xiratoria para desfacerse dos seus inimigos

Este orixinal xogo é compatible coa meirande parte dos móbiles no mercado, véndese por 4 dólares nos EE.UU. (podería custar 3 euros cando chegue a España) e para decidir se paga a pena a súa adquisición dende a web de Gameloft é posible probar unha versión de demostración feita en Java ou conformarse co seguinte vídeo de Chuck en acción:

PUBLICIDADE