Chromebooks, os novos portátiles de Google

mércores, 11 de maio do 2011 Marcus Fernández

Continuando coas novidades do Google I/O hoxe temos o anuncio de que o vindeiro 15 de xuño chegarán a EE.UU., Reino Unido, Francia, Alemaña, Países Baixos, Italia e España unha nova xeración de ordenadores que responden ao nome de Chromebooks, inicialmente fabricados por Samsung e Acer, e que serán ordenadores portátiles que destacarán por non precisar de minutos para iniciarse e comezar a utilizar o seu buscador.
Estes ordenadores promovidos por Google estarían orientados á nube, de xeito que os usuarios non terían que preocuparse das súas aplicacións, xogos, fotografías, películas, música e documentos, que estarían dispoñibles alí onde fosen precisos e prescindirían de copias de seguridade realizadas polo usuario, que tampouco debería preocuparse de instalar aplicacións anti-virus (xa que o seus sistemas operativos integran distintas capas de seguridade). Estes equipos tamén terían a opción de adquirirse con 3G (de aí que sexa Movistar quen traia o modelo e Samsung, aínda que estes equipos tamén poderán mercarse en Pixmanía).
Estes novos portátiles centraríanse no navegador web Chrome, que incluso permite a instalación de aplicacións e xogos, abrazando á web como unha interface de uso universal grazas a estándares abertos como o HTML5.
No tocante ao hardware, o Chromebook de Samsung funciona cun procesador Intel Atom Dual Core, pantalla de 12,1 polgadas, 16 Gb de SSD, 2 portos USB, webcam con micrófono con cancelación de ruído, Wi-Fi, 3G (opcional), lector de tarxetas de memoria, mini-porto VGA, 1,48 quilos de peso e 8 horas de autonomía; mentres que o portátil de Acer terá unha pantalla de 11,6 polgadas, arranque instantáneo (nuns 8 segundos), porto HDMI, unha autonomía de 6 horas e unhas especificacións moi semellante no resto de aspectos moi semellantes ao modelo anterior.


Vídeo de presentación dos novos Chromebooks

PUBLICIDADE