Chrome identificará as lapelas do navegador que están a reproducir multimedia

martes, 12 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A posibilidade de navegar pola web empregando distintas pestanas simultaneamente provoca algunhas molestias como cando unha páxina está a reproducir música ou vídeo, xa que resulta moi laborioso ter que explorar todas e cada unha das páxinas web abertas para localizar o reprodutor multimedia que está activo, e para solucionar tal problema Google Chrome está a preparar unha funcionalidade que consiste en amosar en cada lapela unha icona que facilitará a identificación destes contidos molestos. Esta funcionalidade está xa presente na ultima versión de proba de Google Chrome, e non só indica a reprodución multimedia, senón que tamén servirá para localizar cando unha páxina web está a facer uso da nosa webcam ou cando os seus contidos están a retransmitirse a un televisor (a través de Chromecast).
Baixo Windows 8 a nova versión de Chrome tamén cambia a súa aparencia ao funcionar baixo a interface moderna, onde presenta a posibilidade de traballar con múltiples fiestras de Chrome e facilitar o acceso as Chrome Apps a través dun lanzador de aplicacións.
A nova versión de proba de Chrome tamén mellora a súa seguridade, de feito que bloqueará automaticamente os ficheiros que detecte como malware, amosando unha alerta para que o usuario saiba que o navegador detectou unha ameaza á seguridade do seu equipo.

PUBLICIDADE