Chola & Lola revisa dende o punto de vista galego os videoblogs de estética e traballo das celebridades

martes, 13 de outubro do 2015 Fernando Sarasketa

Este domingo 11 de outubro comezaron as emisións dunha nova webserie galega con formato de blogserie e, na forma, baseada nas entregas autoconfesionais achegadas na Rede por xente como Chiara Ferragni, Sara Carbonero ou Paula Echevarria. E dicimos “na forma”, porque o contido é a todas luces moito máis humorístico, crítico e retranqueiro. Falamos de Chola & Lola, cuxo capítulo cero está xa visíbel no YouTube e que promete depararnos outras dez entregas máis (polo de agora), cada unha delas un manual de como facer “para acadarmos a felicidade con consellos estéticos, culturais e laborais”. A webserie vén da man da actriz e creadora escénica Laura Villaverde, que contou para esta achega audiovisual coa colaboración de SrPause e ArtesaCía.
A protagonista das entregas é Chola, en palabras da súa creadora “unha activa muller de aldea que comparte, a través de conversas coa súa amiga Chola, moitos consellos orixinais para os seus subscritores, ademais de amosar un peculiar punto de vista sobre a vida, a ecoloxía, a cultura ou a beleza”. O capítulo lanzado este domingo é, como se pode ver, unha revisión rural e galega do vídeo Cuando nadie me ve lanzado no seu día por Sara Carbonero.
Como dixemos, Chola e Lola vén da man da actriz Laura Villaverde, protagonista tamén da serie amais de creadora dos guións de cada entrega, e todo en colaboración co cineasta e artista transmedia Roi Fernández (dirección audiovisual, realización, edición e postprodución). Xuntos conforman a compañía escénica transmedia ArtesaCía.

PUBLICIDADE