China compartirá o eclipse solar do 1 de agosto vía Internet

mércores, 30 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Se cadra para lavar a súa imaxe perante o mundo, se cadra por motivos estritamente científicos e/ou desinteresados, pero China parece no camiño de tender certas pontes co resto do planeta vía Internet. O vindeiro 1 de agosto, coloquialmente falando, semella a data sinalada para que este proceso de apertura vaia collendo corpo. A idea: retransmitir en directo un eclipse total de sol que terá as mellores vistas do mundo dende o condado de Yiwu, no noroeste do país asiático. As páxinas webs da Academia China das Ciencias, do Observatorio Astronómico da Montaña Púrpura e a do Observatorio Astronómico Online de Shanghai serán as encargadas da levar o evento, en directo, ao resto do mundo (o primeiro destas características que acontece en China no que vai de século).
Por certo que recentemente falamos nesta web dunha iniciativa semellante: a que prepara Second Life para a mesma data.
O eclipse total en cuestión, que se desenvolverá no dito país asiático dende as 18.20 horas hora local do dito día até as 18.22, será seguido polo miúdo dende a Academia China das Ciencias a través da súa División de Ciencias Técnicas da Información.
O obxectivo desta entidade científica, amais do puramente divulgador, é o de quitarlle ferro ao acontecemento astronómico, que naquel país se relaciona dende hai séculos coa inminencia de catástrofes. Por certo que China será o último recuncho do mundo dende o que se vexa o eclipse, logo de que a sombra da lúa perante o sol percorra unha liña duns 10.200 quilómetros que comeza en Canadá. Casualmente, China será testemuña o 22 de xullo de 2009 doutro fenómeno das mesmas características.

PUBLICIDADE