Chévere recupera esta fin de semana en Vigo o espírito do teatro científico

venres, 23 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

Á Semana da Ciencia 2007 en Galiza (que non é propiamente unha semana pero si que trata abondo sobre ciencia) aínda lle queda un aquel de combustible. Estes días, aínda é posible visitar exposicións como as que figuran na web habilitada para dar conta do programa, ou mesmo acudir á representación en Vigo da obra Alá no fondo hai sitio abondo do grupo Chévere, tamén coñecida como “unha aproximación ó mundo da nanotecnoloxía”. A escenificación desta peza, feita expresamente para conmemorar a Semana da Ciencia da Galiza e para recuperar vellos métodos de divulgación científica (sobre as táboas, compartindo os científicos os camerinos con artistas de toda índole), terá lugar no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, o MARCO, os días 24 e 25 de novembro ás 12 horas.
A obra, que vai dirixida sobre todo ós máis novos (nenas e nenos de 8 a 11 anos) co fin de espertar vocacións científicas, xira arredor da divulgación da nanotecnoloxía -a ciencia do miúdo. Nos días previos á súa estrea, Chévere cualificouna de proposta anovadora dende dous puntos de vista: dende o da temática (moi de actualidade) e dende o do enfoque escollido, o dunha representación teatral en si mesma. A fin de contas, non é moi habitual que se aposte por este tipo de maridaxe artístico-científico.
Segundo Xesús Ron (membro de Chévere), a peza Alá no fondo hai sitio abondo non só abriría novos camiños expresivos no teatro galego senón tamén nas propias canles de comunicación que unen á comunidade científica co resto da sociedade, canles que fican hoxe en día atoradas por algunha que outra complexidade lingüística e unha vontade de entendemento mutuo que foi perdendo pulo. “A obra”, sinalou Xesús Ron, “é un convite a entender que sempre hai máis do que vemos a simple vista, e que alá no fondo da habitación hai unha chea de posibilidades”.
A estrea foi na Coruña, na Casa das Ciencias, o pasado 10 de novembro. Logo comezou a xira por Lugo, Vigo (esta fin de semana) e, máis adiante, Ourense.