Chegan uns novos premios galegos para apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres: os GirlGeekCovid

martes, 22 de setembro do 2020 S. P.

A Universidade de Vigo informou este martes 22 da convocatoria duns novos galardóns directamente encamiñados a “incentivar, apoiar e fomentar os estudos STEM entre as mulleres”. Ou sexa, os estudos relacionados coas ciencias, as tecnoloxías, as enxeñarías e as matemáticas. Trátase dos galardóns GirlGeekCovid, convocados ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsaron no seu día a Universidade de Vigo e máis a Deputación de Pontevedra. A iniciativa pon o foco nunha das grandes eivas do noso tempo: a baixa presenza de rapazas nos estudos tecnolóxicos, unha cifra que se reduce co paso dos anos.
De feito, segundo o Observatorio da Igualdade da UVigo publicado este mes, as alumnas son maioría en todos os eidos do coñecemento, excepto no da enxeñaría e a arquitectura, no que representan tan só o 23% do total de estudantes matriculados. Para facer fronte a esta situación e fomentar a presenza de mulleres no eido científico e tecnolóxico, a Universidade de Vigo conta con varias iniciativas como as xornadas Elas fan CienTec ou Exxperimenta en Feminino, ao tempo que colabora cos institutos que imparten o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. A estas propostas agora súmanse os Premios GirlGeekCovid, destinados ás alumnas da UVigo matriculadas nalgunha das titulacións STEM nos Campus de Vigo e Pontevedra. Ten como obxectivo incentivar, apoiar e fomentar este tipo de estudos entre as mozas con dous galardóns de 2000€ e dous accésits de 1000€ para as que teñan mellor expediente e maior motivación.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou ás estudantes a presentarse a estes premios “porque as rapazas máis novas necesitan referentes femininos que lles expliquen a importancia de cursar estas carreiras, que lles reafirmen que unha nena pode estudar o que ela queira, e o relevante que é para a sociedade actual poder contar co talento e co coñecemento das mulleres”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, remarcou que “o firme compromiso da Presidencia da Deputación e da nosa Universidade está posibilitando impulsar e reforzar as oportunidades para que as mozas opten e permanezan formándose no ámbito STEM, tan estratéxico na actualidade”.
Dous premios de 2000€ e dous accésits de 1000€
Segundo explica a directora da Unidade de Igualdade da UVigo Águeda Gómez, “estes premios nacen co fin de reforzar e apoiar as vocacións STEM das mozas da nosa Universidade e está na liña marcada por esta cátedra co fin último e incorporar ás mulleres ao mundo dixital e acabar co machismo e o sexismo dixital, máis aínda neste tempo de COVID-19 onde o ámbito dixital resulta fundamental en todos os ámbitos da nosa vida social, laboral e persoal”.
Os premios recoñecerán o mellor aproveitamento académico das candidatas, ademais da súa motivación explícita nos estudos STEM. Así, poderán presentarse as mulleres matriculadas na Universidade de Vigo no curso 2020/2021 en 60 créditos en titulacións de grao ou mestrado das ramas de Enxeñaría ou Ciencias dos Campus de Pontevedra e Vigo. O prazo de presentación das solicitudes remata o 16 de outubro.
A convocatoria contempla que se outorgará un primeiro premio de 2.000€ e un accésit de 1.000€ en cada eido do coñecemento (Ciencias e Enxeñaría). O xurado valorará tanto o expediente académico como a motivación das mozas.

PUBLICIDADE