Chegan a España os smartphones Lumia 950 e 950 XL

venres, 27 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A primeiros de outubro Microsoft anunciou os seus novos smartphones con Windows 10, entre os que destacaban os terminais Lumia 950 e Lumia 950 XL, que son os primeiros produtos do mercado en contar coa funcionalidade Continuum, que permite que mediante un adaptador podamos conectar os móbiles a unha pantalla externa para que pase a operar como se fose un ordenador de escritorio (para o que tamén podemos empregar teclado e rato) aínda que só para aplicacións universais (entre as que están o navegador web e o Microsoft Office, de xeito que é unha interesante solución de produtividade para traballadores que queiran levar a súa oficina a costas).
Curiosamente hoxe, e de xeito bastante inadvertido (por acontecer en pleno Black Friday, cando a propia Microsoft lanzou numerosas ofertas), Microsoft incorporou o Lumia 950 e o Lumia 950 XL á súa tenda española en liña, aparecendo tamén en pre-reserva en Amazon.es, onde tamén figura o Lumia 550 ao atractivo prezo de 119 euros (converténdose nunha opción moi atractiva a nivel empresarial).
O Lumia 950 é un smartphone con pantalla de 5,2 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 808 de seis núcleos a 1,8 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno, cámaras de 20 e 5 Mpíxeles, NFC, tecnoloxía de identificación biométrica baseada no iris do usuario e batería de 3.000 mAh con carga sen fíos, que pode mercarse xa por 599 euros; de xeito que para moitos poderá resultar máis atractivo o Lumia 950 XL, que vén a ser o mesmo smartphone, pero cunha pantalla de 5,7 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 810 de oito núcleos a 2,0 GHz, batería de 3.340 mAh e un prezo de 699 euros, que parece compensar xa que promocionalmente Microsoft inclúe co mesmo sen custo adicional o Microsoft Display Dock (valorado en 99 euros).
Nos vindeiros días estes novos terminais de alta gama incorporaranse aos catálogos dos distintos operadores de telefonía móbil, ofrecendo como principal reclamo o seu sistema operativo (que ofrece unha experiencia no móbil moi semellante á que temos nun escritorio informático), aínda que as súas cámaras PureView tamén pesarán bastante á hora de que os consumidores se acheguen a estes smartphones que están a abrir un novo vieiro que nos vindeiros meses veremos se queda diluído ou se realmente se converte nunha tendencia de grande aceptación no mercado empresarial.

PUBLICIDADE