Chega unha nova edición dos Coruña Hacks, máis intensos e con premios
luns, 9 de marzo do 2020
As
comunidades técnicas GPUL, Coruña Developers e Árticos, todas elas
con base de operacións na Coruña, celebran unha nova edición de
Coruña Hacks este mes de marzo. A xuntanza será un laboratorio de
experimentación coa forma de tres hackathons, a desenvolver o
terceiro sábado de marzo, abril e maio.
Segundo
informa Coruña Dixital, a iniciativa do Concello para propiciar e
fortalecer o importante labor das comunidades abertas locais, nas
tres xornadas de traballo organizaranse equipos para desenvolver
proxectos baseados nas tecnoloxías libres.
No
primeiro hackathon poranse en común as ideas
das que sairán, mediante votación, as propostas nas que se
traballará nas seguintes citas, e crearanse os equipos que farán
evolucionar estes prototipos. No segundo farase que os proxectos
collan impulso e forma (comezarán a verse os resultados finais) e no
terceiro e último (o día máis intenso) presentarase cada
contribución nos seus detalles, as mellores das cales obterán o seu
recoñecemento.
“A
nosa idea”, informan dende GPUL, “era darlle aos Coruña Hacks
deste ano un algo máis de emoción, e durante tres sábados
traballaremos en equipos para dar forma aos proxectos libres que
competirán por ser o mellor ao remate das xornadas”. O obxectivo,
engaden, “é crear un espazo de traballo periódico no que
evolucionar os nosos proxectos a modo de hackathon recorrente
no tempo pero sempre cun obxectivo claro, poñer o prototipo a
funcionar antes do terceiro evento”.