Chega o primeiro xogo escolar dixital sobre patentes

xoves, 15 de marzo do 2007 Raquel Noya

O primeiro xogo escolar de Patentes e Marcas, destinado a familiarizar ós usuarios coas nomenclaturas e cos procedementos da protección dos dereitos da propiedade industrial (ó parecer de xeito ameno e divertido aínda que semelle complicado) xa é unha realidade. Patentes e Marcas, desenvolvido pola Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) en colaboración coa Escola de Negocios (EOI), quere espertar a curiosidade e o interese dos alumnos (dende ben cativos) pola solicitude e o rexistro deste tipo de dereitos e licenzas.
Trátase dunha ferramenta didáctica para alumnos de entre 12 e 18 anos. Os creadores do devandito xogo puxérono a disposición dos centros escolares de toda España, de ESO e Bacharelato, a través da páxina www.oepm.es, na sección Todo sobre la Propiedad Industrial, en Publicaciones, e por último en Trabajos de investigación e divulgación sobre PI.
Os contidos do xogo, que xa foi testado por mestres e alumnos, completan a temática de distintos contidos que se imparten na actualidade na ESO e no Bacharelato e, ademais compleméntanse con anécdotas, curiosidades e preguntas de repaso a partir das cales o alumno pode comprobar o nivel de coñecemento que vai adquirindo.

PUBLICIDADE