Chega ás tendas o novo Call of Duty

martes, 13 de novembro do 2012 Marcus Fernández

O xogo que presumiblemente liderará as vendas na vindeira campaña de Nadal, Call of Duty: Black Ops II, chegou hoxe ás tendas nas súas versións para Xbox 360, PlayStation 3 e PC, mentres que a súa versión para Wii U chegará o vindeiro día 30, co lanzamento da nova consola doméstica de Nintendo. Esta secuela de Black Ops leva a acción ao futuro, concretamente ao ano 2025, onde teremos numeroso armamento avanzado, robots e tecnoloxía de avións non tripulados que diferenciarán este título dos outros Call of Duty, e que parece que vai ser un grande éxito se atendemos ao feito de que superou en reservas a Call of Duty: Modern Warfare 3 e dende Amazon aseguran que foi o xogo máis reservado da historia da súa tenda en liña.
Unha das grandes apostas de Call of Duty: Black Ops II é o seu modo multixogador, que incorpora un revolucionario sistema de creación de clases, ofrecendo unha personalización de xogo inédita, que se adapta a cada estilo de xogo. Tamén inclúe os sistemas League Play, play-by-play e CODcasting; pode transmitir partidas a YouTube en tempo real; e incluso conta con 3 modos de xogo con zombis.

Os usuarios do novo Call of Duty poderán gozar de varios modos zombi

PUBLICIDADE