Chega ás tendas a New Nintendo 2DS XL

venres, 28 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Pese a que a Nintendo Switch é a nova raíña das consolas, a familia puramente portátil de Nintendo non está morta, e para demostralo estrean hoxe a New Nintendo 2DS XL, unha consola compatible con todos os xogos de 3DS que agora poden gozarse nunha pantalla de 4,88 polgadas que prescinde do efecto autoesteoscópico, ou sexa, que os xogos veranse en dúas dimensións (o que para a meirande parte dos xogadores non supón ningún problema).
A nova consola portátil chega a un prezo recomendado de 149,99 euros, incluíndo lapis táctil, tarxeta microSDHC de 4 GB, adaptador de corrente e 6 tarxetas de realidade aumentada, e ofrecéndose nun modelo de cor negra con acabados en turquesa e noutro con carcasa branca con acento en laranxa.
Pero esta consola non só ten unha pantalla XL e desbota as 3D, senón que tamén conta co sufixo New no seu nome, o que quere dicir que ten unha maior capacidade de procesamento que a 3DS orixinal, que goza dun sistema de control mellorado (inclúe un stick C e botóns ZL/ZR) e incluso integra tecnoloxía NFC na pantalla táctil (na que podemos colocar figuras amiibo para a súa interacción con numerosos xogos).
Este novo lanzamento consegue situarse equidistante en prezo entre a Nintendo 2DS e a New Nintendo 3DS XL, dando a impresión de que suporá a desaparición a longo prazo da última (xa que Nintendo deixou de apostar polas 3D), mentres que a Nintendo 2DS básica manterase para os que busquen unha consola moi económica (actualmente a consola cun xogo do estilo de Mario Kart 7 ou Super Mario Bros 2 non chega aos 100 euros) e non teñan problemas coa súa deficiente portabilidade (xa que carece de bisagra entre as súas pantallas, sendo máis aparatosa que as súas irmás).

PUBLICIDADE