Chega ás tendas Dragon Ball Xenoverse

venres, 27 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Os amantes de As Bolas Máxicas por fin poden gozar das aventuras de Son Goku e os seus amigos en consolas da actual xeración, pois hoxe chegou ás tendas Dragon Ball Xenoverse, un xogo de loita desenvolvido por Bandai Namco e Dimps (estudio detrás do Dragon Ball Z: Budokai de PS2) que podemos mercar por 49,99 euros para PC, por 59,99 euros para Xbox 360 e PlayStation 3, e por 69,99 euros para Xbox One e PlayStation 4, estando tamén dispoñibles en cada caso pases de tempada por 24,99 euros que prolongarán a experiencia mediante contidos descargables.
Este novo xogo parte dunha interesante proposta: os malvados Mira e Towa están a alterar as liñas temporais da serie para sementar o caos, e para soluciona esta situación haberá que crear un personaxe (personalizable de xeito que tanto poderiamos configurar a un superguerreiro como a un namekiano) para viaxar a través desta historia alterada coa axuda de Toranks intervindo nos elementos chave da saga.
Nos combates participan ducias dos personaxes que coñecemos da obra de Toriyama, aos que tamén se incorporan algúns personaxes novos, aínda que a innovación máis interesante deste título será a cidade de Tokitoki, unha urbe futurista ao redor da que xira o desenvolvemento do xogo e onde poderemos xuntarnos con xogadores de todo o mundo para loitar e afrontar misións.
Un xogo claramente orientado a quen goza habitualmente cos xogos de loita de Son Goku, que desta volta conta cun sistema de combate máis pulido que nas últimas entregas da anterior xeración de consolas, considerada por moitos como maldita para os seareiros de As Bolas Máxicas, xa que o último xogo de consola doméstica considerado como realmente bo sería o Dragon Ball Z: Budokai 3 de PlayStation 2 (no caso das consolas portátiles tamén destacou no seu momento Dragon Ball: Origins para Nintendo DS).


O lanzamento do xogo vén acompañado por un lote da PlayStation 4 que inclúe este título

PUBLICIDADE