Chega ao seu remate o proxecto europeo de formación fintech impulsado polo CITIC

venres, 11 de xaneiro do 2019 Redacción

O Doutoramento Industrial Europeo WakeUpCall, centrado en achegar formación e recursos arredor das tecnoloxías fintech de tipo cuantitativo, vén de chegar ao seu remate. A iniciativa veu da man do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (o CITIC) e leva en activo (até agora) dende 2015. Ao seu abeiro, desenvolveuse formación e investigación en aspectos matemáticos e computacionais de gran potencial e posibilidades para unha meirande competitividade e vitalidade dos sectores financeiro e asegurador, logo da recente crise banqueira mundial.
Este proxecto contou cun financiamento dun millón e medio de euros a través da convocatoria MSCA de 2014 da Unión Europea pertencente ao programa H2020, na modalidade Initial Training Networks-European Industrial Doctorates (ITN-EID).
O grupo coruñés, liderado polo catedrático e investigador do CITIC Carlos Vázquez Cendón, foi o responsábel, entre outras tarefas, de coordinar a contorna de traballo relacionada cos riscos e máis de artellar unha manchea de accións formativas. Por exemplo unha escola de verán sobre a devandita temática celebrada en 2016 na Facultade de Informática da UDC, ou tamén, unha semana de traballo sobre industria financeira desenvolvida nas sedes de Analistas Financieros Intternacionales e na Ciudad del Banco de Santander en 2017. Tamén se organizou un Crash Course on Python for Finance, impartido na Facultade de Informática da UDC por Íñigo Arregui e José Antonio García, membros do CITIC.
En WakeUpCall tamén participaron investigadores da Universidade de Bolonia e a Universidade de Delft, así como profesionais do Banco de Santander, a dita consultora AFI, a aseguradora Unipolsai, a empresa italiana Nier, a empresa holandesa de software Vortech e a consultora global Ernest and Young, xunto co prestixioso Centro de Investigación en Matemáticas e Informática CWI de Ámsterdam. É precisamente no CWI onde se celebrou recentemente a reunión de clausura do proxecto na que se expuxeron os resultados alcanzados, que deron lugar a seis teses doutorais no ámbito das finanzas cuantitativas realizadas en colaboración cos beneficiarios industriais.
O responsábel no CITIC-UDC, Carlos Vázquez Cendón, fixo saber que “no seu momento a concesión do Doutoramento Industrial Europeo foi un recoñecemento desde Europa e unha gran responsabilidade. O desenvolvemento do mesmo foi unha experiencia excelente de colaboración entre todos os axentes involucrados da universidade e a industria, que ademais deu máis visibilidade internacional á UDC e, en concreto, á súa Facultade de Informática, ao seu grupo de investigación M2NICA e ao seu Centro de Investigación en TIC”.
Na iniciativa formativa participaron activamente, ademais de Vázquez Cendón, os membros do CITIC Íñigo Arregui, Carmen Calvo, Ana Ferreiro e José Antonio García.

PUBLICIDADE