Chega ao mercado coreano un eReader con pantalla de cor e prezo moderado

martes, 22 de novembro do 2011 Marcus Fernández

A pantalla Mirasol ofrece cores vivas e pode verse incluso baixo a luz do sol

Neste momento están a loitar polo mercado como dispositivos electrónicos de distribución de contidos tanto os tablets coma os eReaders, cada un cunha orientación diferente, pero dende Corea do Sur queren xuntar ambos mundos, e grazas á colaboración entre Qualcomm e a cadea de librarías Kyobo Book Centre achegan ao mercado as prometedoras pantallas Mirasol nun novo dispositivo chamado Kyobo eReader, que presenta unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon S2 a 1 GHz e sistema operativo Android 2.3 cunha interface gráfica personalizada para facilitar o acceso a unha libraría de 90.000 e-books que ten Kyobo no seu catálogo.
O dispositivo está á venda dende onte por 349.000 wons (225 euros), e destaca fronte aos seus competidores por achegar unha pantalla táctil de cor, válida tanto para amosar libros como revistas ou vídeo incluso baixo a luz do sol (grande carencia da meirande parte de tablets) e cunha magnífica autonomía (cun uso moderado podería empregarse durante varias semanas).

Ao funcionar con Android 2.3, o Kyobo eReader tamén permite o uso de aplicacións propias de calquera tablet (navegador web, redes sociais, reprodución multimedia...)
O Kyobo eReader contrólase a través da súa pantalla táctil


Vídeo promocional do Kyobo eReader

PUBLICIDADE