Chega a quinta edición do certame que visualiza nas redes os negocios que fan uso do galego: #Fotolingua

luns, 6 de xullo do 2020 S. P.

O Concello de Santiago presentou este luns os detalles da quinta edición do concurso #Fotolingua, que, segundo fixo saber, renova o obxectivo de visualizar nas redes sociais os negocios que se comprometen co uso de galego. A nova edición do certame foi presentada en rolda de prensa pola concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, quen lembrou que calquera persoa pode participar publicando nas redes fotografías orixinais que capturen elementos da paisaxe comercial nos que se amose o galego (letreiros, escaparates, carteis, sinalizadores, catálogos, etiquetaxe, menús...).
Noa Díaz engadiu que as imaxes que se suban deben vir acompañadas cos cancelos #fotolingua, #establecementoengalego, #ogalegovende e #engalegofaiadiferenza e tamén indicar de que negocio se trata, onde está e destacar algún aspecto da súa oferta, servizo, etc.
Segundo explicou a edil respecto do elemento extra que constitúe o emprego de galego a nivel comercial e publicitario, “nos servizos comerciais non é indiferente a escolla lingüística, que pode significar un plus que moita veciñanza valora, un xeito de identificarse, diferenciarse da oferta foránea e de conectar e achegarse á clientela”.
Premios
As persoas que participen enviando as súas imaxes poderán obter un dos dous premios do concurso, que consistirá en cadansúa tableta de última xeración, unha por categoría: por unha banda á imaxe que obteña máis gústame en Facebook ou likes en Instagram na súa publicación orixinal e, pola outra, á imaxe que sexa seleccionada pola organización atendendo á súa capacidade para transmitir os obxectivos do concurso, “ben porque logra captar algún uso do galego creativo e orixinal, ben polo coidado na elaboración da foto”.
Unha novidade desta convocatoria é a posibilidade de participar, ademais, nun sorteo entre todas as persoas que envíen resolto o pasatempo que inclúe o material publicitario do concurso e que se atopa distribuído en comercios e establecementos hostaleiros. Entre todas as respostas completas que se envíen de acordo coas bases do pasatempo sortearase un vale de 100 € para gastar en establecementos colaboradores.
Na páxina web do Departamento de Lingua poden consultarse as bases completas.

PUBLICIDADE