Chega a móbiles o agardado Pokémon Masters

xoves, 29 de agosto do 2019 Marcus Fernández

A pasada noite chegou á tenda de aplicacións de Google Play e á App Store o agardado xogo Pokémon Masters, un xogo de estratexia e combate que namorará a moitos seareiros da franquía de Pokémon por ser finalmente un xogo móbil de estratexia e combate (en vez de apostar por xéneros que pouco teñen que ver cos xogos nacidos na Game Boy).
O novo xogo pode descargarse de balde, aínda que inclúe compras dentro da aplicación. Convídanos a explorar a illa artificial de Passio, onde cada adestrador leva un único Pokémon, de xeito que haberá que unir forzas con outros adestradores para poder participar en combates de tres contra tres. A combinación de adestrador e criatura Pokémon coñécese como parella de compis.
No modo historia teremos que progresar para así chegar a participar no torneo World Pokémon Masters, para o que haberá que retar aos 5 líderes do torneo, distribuídos por toda a illa. Durante a aventura atoparanse numerosos compis que poderemos incluír no noso equipo.
Os combates de tres contra tres realizaranse en tempo real, cunha barra de movementos por equipo que irase completando en función do tempo que pase, para así poder lanzar potente ataques, o que fará que haxa que actuar dun xeito táctico. Tamén é posible facer uso de movementos compi en certo punto dos combates, así como realizar ultrapoderosos ataques combinados nos combates multiequipos.
En Pokémon Masters tamén é posible combater de xeito cooperativo para derrotar aos opoñentes máis fortes.

Vídeo no que explican o sistema de combate do xogo

PUBLICIDADE