Chega a edición 23 do curso de dirección de proxectos con PMI 6 de Vitae
mércores, 5 de outubro do 2022
O
mercado empresarial actual e tamén o laboral non deixa moito marxe
para a relaxación en materia formativa: a revolucionaria
transformación de todos os sectores produtivas obrigan a ampliar
horizontes e adicar un tempo do noso quefacer diario a actualizar
coñecementos e habilidades. Xeitos de facelo hai moitos, pero na
nosa terra hai empresas como Vitae Consultores que nos facilitan ao
máximo estes procesos. Por exemplo co Curso
Dirección e Xestión de Proxectos baixo a metodoloxía PMI 6,
que chega á súa edición 23 e que ten previsto desenvolverse os
días 2, 3, 7, 8, 9, 10, 12, 14, 15, 16, 17 e 22 de novembro.
Achegará novamente 35 horas de formación avanzada e innovadora, a
través do acostumado formato de aula virtual de Vitae.
O
curso constitúe unha boa ocasión para converternos en expertos en
facer sinxelo o complexo, en motivar os nosos equipos profesionais,
en optimizar ao máximo a comunicación con eles, en clarificar e
definir obxectivos e na capacidade de comprender as necesidades dos
nosos clientes.
A cerna da actividade formativa, como se indica
no seu nome, é a metodoloxía de xestión PMI.
Segundo nos
conta Vitae acerca da orixe desta actividade formativa, trátase de
achegar respostas útiles ás complexidades inherentes (e ás
condicións desfavorábeis) á posta en marcha de calquera proxecto
TIC que esteamos a piques de abordar.
Vitae explica que “a
certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de
valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente
de proxectos debe considerase como unha competencia estratéxica das
empresas, que lles permite competir de maneira máis rendíbel e áxil
nos seus mercados, sustentar á organización e responder ás
consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a
cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a
optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a
actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
Para quen non o
saiba, a PMI (Project Management Institute) é a organización máis
recoñecida a nivel internacional na disciplina da dirección de
proxectos. Está integrada por máis de 600.000 profesionais de todo
o mundo, expertos na xestión de iniciativas, con independencia do
tamaño e complexidade das mesmas, en múltiples sectores
industriais. Vitae recorda que “as boas prácticas aplicadas e
postas en marcha polo PMI son coñecidas, recoñecidas e avaladas por
milleiros de profesionais ao longo dunha chea de anos en miles de
traballos de todos os ámbitos”.
En termos máis concretos, o
PMI acredita aos profesionais na dirección de proxectos co
certificado PMP (Project Management Professional), o cal goza dun
alto recoñecemento, identificando a quen o posúe como profesional
altamente cualificado e demandando, na medida en que aporta un
coñecemento moi detallado para a dirección de iniciativas,
anticipando problemas, xestionando proactivamente a incerteza e
aumentado as probabilidades de éxito nos proxectos.
A persoa
encargada de impartir os contidos será Javier Rosa, enxeñeiro
industrial pola Universidade Carlos III de Madrid. A día de hoxe é
director de Servizos e director técnico en Media Markt, e dirixe
unha empresa de consutoría especializada en dirección de proxectos,
implantación de sistemas de xestións por procesos, outsourcing
e formación.