Chega a actualización que permite ampliar a PS4 con discos duros USB 3.0

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Hai un mes iniciáronse as probas da versión 4.50 do software de sistema da PlayStation 4, que mañá farase oficial, de xeito que os usuarios da consola doméstica de Sony poderán gozar de importantes novidades entre as que destaca a posibilidade de conectar á consola un disco duro externo por USB 3.0 para poder descargar, gardar e instalar xogos, aplicacións e complementos directamente no disco extraíble, ou incluso trasladar os xogos e aplicacións do disco interno ao externo, para organizar mellor o contido. Estes discos duros poderán ter unha capacidade de entre 250 GB e 8 TB, de xeito que os usuarios que non conten con boas conexións de banda larga non deberán padecer a molestia de ter que descargar de novo xogos que tiveron que desinstalar para facer espazo a novos títulos.

Películas en Blu-ray 3D a través do casco de PlayStation VR

A experiencia de uso de PlayStation VR tamén mellora coa nova actualización, de xeito que a resolución da pantalla que se presenta no televisor terá unha maior resolución, ao igual que no modo cinemático (que pasará de 90 a 120 Hz) e tamén facilitará o uso do casco de realidade virtual para ver películas estereoscópicas gravadas en Blu-ray 3D.
Os usuarios que tiren proveito do uso a distancia en ordenadores ou dispositivos Xperia tamén poderán gozar do chat de voz, de xeito que os amigos non serán conscientes de se estamos ou non preto da nosa consola doméstica.

Mellor experiencia coa PlayStation 4 Pro

Hai moitas outras pequenas novidades nesta actualización, pero unha ten especial relevancia para usuarios de PlayStation 4 Pro, xa que poderán activar o Modo optimizado (Boost Mode) que permite que os xogos de PS4 que non estean optimizados para PlayStation 4 Pro poidan funcionar cun maior rendemento ao aproveitar a maior velocidade do procesador e da gráfica da nova consola, o que normalmente traducirase nunha maior estabilidade na taxa de fotogramas en xogos esixentes.

Vídeo que debulla as novidades do software de sistema 4.50 de PS4

PUBLICIDADE