Chega á Universidade de Vigo o último en creacións literarias: os videopoemas
venres, 5 de novembro do 2010
- María Lado e Lara Bacelo acompañadas do profesor Manuel Forcadela
Nunha era na que
practicamente todo nos entra polos ollos, e na que o audiovisual prima por
enriba de tódolos contidos, son moitos os profesionais que teñen que recorrer á
imaxe para chamar á atención do seu público obxectivo.
Conscientes disto,
as escritoras Lara Bacelo e María Lado, da Universidade de Vigo, decidiron
botar man das novas tecnoloxías para levar a cabo a súa última creación: uns
videopoemas, cos que espertar o interese pola literatura dos seus compañeiros
universitarios.
Segundo afirman
dende a web da Universidade, “unha
vocación literaria marcada e unhas tremendas ganas de modernización” son as
dúas marcas características dos videopoemas que estas autoras presentaron na
Facultade de Filoloxía e Tradución con motivo da terceira e última sesión do
ciclo Escritores na Universidade.
As pezas proxectadas
ao longo do relatorio, engaden, son un perfecto exemplo de innovación na
transmisión do texto literario que “ademais
resultan moi útiles para reflexionar acerca da relación entre o poético e o
poemático”, segundo palabras do profesor Manuel Forcadela, que actuou como
conductor do acto.
A teima de mudar a
poesía “para que non caera no esquezo”
foi o que levou a estas escritoras a apostar polas novas tecnoloxías, coas que
fusionaron de maneira maxistral o son e a imaxe, facéndolle chegar a poesía a
un público que se caracteriza por consumir, casi compulsivamente, só material
audiovisual.
“Sen
coñecermos, as dúas optamos por un formato moi parecido”, confesan, “no que tratamos de emular a animación
fotográfica mediante a sucesión de imaxes con textos sobreexpostos”,
explica Lado.
Bacelo e Lado
decidiron explorar as posibilidades da edición de vídeo para satisfacer a súa
necesidade de expresarse, de facer o que lles gusta, que é a poesía, porén son
conscientes de que para espertar o interese da xente debían ir máis alá do
simple texto literario e experimentar coa música, a palabra e o son.
Procedente das
vangardas europeas, o videopoema “é un
formato que as novas xeracións de escritores estamos reutilizando grazas ás
enormes posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”, explica
Bacelo, quen engade que “en minutos
podemos facer pezas que vinte anos atrás terían precisado de meses de traballo”.