Chega a Santiago Michel Bauwens, o teórico da Internet e das redes P2P
luns, 25 de outubro do 2010
- Michel Bauwens falará no CGAC a partir das 19.00 horas
Santiago acolle no serán deste luns dúas importantes citas co coñecemento, máis polo miúdo con dous dos principais analistas actuais da construción (por unha banda) e dos contidos (por outra) desas redes de coñecemento. Os encontros deste luns, que se celebran no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago, comezarán ás 19.00 horas cos relatorios de Michel Bauwens, un dos principais teóricos de Internet e das redes P2P, e Vincenzo Vitiello, figura senlleira da filosofía europea actual.
As citas forman parte dunhas xuntanzas de reflexión máis amplas, chamadas Camiño ao andar, que dende o pasado día 18 achegaron unha oportunidade para intercambiar coñecemento con algúns dos representantes máis salientables da comunicación actual, é o caso de Shlomo Ben Ami, Mohamed Metalsi, Félix de Azúa ou Gerard Mortier. Este ciclo de conferencias, organizado por Xacobeo 2010, levará durante esta semana ao CGAC e á sede da Fundación Cidade da Cultura de Galicia a persoeiros da cultura como o arquitecto Rafael Moneo, o Premio Cervantes Antonio Gamoneda ou o escritor italiano Erri de Luca.
A Xeografía da Afinidade: Procomún neonómada, g-localidades habilitadas e tempo integral é o título da conferencia que pronunciará o filósofo e escritor Michel Bauwens a partir das sete do serán. Na súa exposición analizará como interactúa o físico e o virtual na era de internet e as novas concepcións e experiencias do tempo e do espazo.
A partir das oito do serán o italiano Vincenzo Vitiello, unha das figuras senlleiras da filosofía europea actual, achegarase na súa conferencia, que leva por título Topoloxía: o espazo, os lugares, o camiño ao concepto de topoloxía, un dos puntos esenciais do seu pensamento, que supón unha completa reinterpretación das ideas de espazo e tempo e a súa relación mutua.