Chega a España un tablet con Windows 8.1 de Prestigio que opta por procesadores Intel Celeron de 64 bits

venres, 17 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A oferta actual de tablets con Windows 8.1, que veñen a ser en resumidas contas ordenadores completos en formato de tablet, están a conseguir uns prezos moi axustados grazas aos novos procesadores de Intel, e un dos produtos desta categoría que chega agora á España da man da distribuidora Tech Data é o MultiPad Visconte de Prestigio, que en vez de apostar por un procesador Intel Atom porta por un Intel Celeron de 64 bits e dobre núcleo a 1,46 GHz, co que consegue ata o dobre de rendemento de procesador e ata o triplo de rendemento gráfico.
Este atractivo equipo conta cunha pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles, 2 Gb de RAM, 32/64 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb), un porto micro USB 3.0, HDMI, Bluetooth 4.0, opción con 3G, cámara frontal de 1 Mpíxel, batería de 4.000 mAh (que promete ser dabondo para un día de traballo en mobilidade), un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 550 gramos.
Aparte de contar cun modelo con conectividade móbil, tamén destaca por contar cunha funda con teclado Bluetooth que non esquece un touchpad e unha posición que fai de soporte, convertendo o tablet nun ordenador portátil.
O MultiPad Visconte está á venda no seu modelo con Wi-Fi e 32 Gb de almacenamento por 399 euros e con 64 Gb de almacenamento por 429 euros, podendo incorporarse o 3G a cadanseu modelo por 70 euros adicionais, mentres que por outros 100 euros máis podemos facer que, en vez de incluír Windows 8.1 na súa versión básica integren Windows 8.1 Pro (pensando na súa integración en contornos corporativos). Todos estes equipos inclúen Microsoft Office 2013, polo que son solucións moi válidas tanto para a empresa como para escolares.

Ao tablet é posible colocarlle unha funda con teclado e touchpad para convertelo nun portátil completo

PUBLICIDADE