Chega a España o Motorola Razr 2022

mércores, 26 de outubro do 2022 Marcus Fernández

No verán presentouse a nova xeración do smartphone encartable de Motorola, que chegaba ao mercado chinés a un prezo que partía ao cambio dos 865 euros, e agora que chega a España podemos ver como unha vez máis o prezo resulta escandaloso, xa que o Motorola Razr 2022 con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento sae á venda por 1.199 euros, polo que estaría máis caro que o se competidor máis directo, o Samsung Galaxy Z Flip4, que con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento ten un prezo oficial de 1.159 euros, aínda que pode atoparse con descontos moi considerables (o modelo de 128 GB pode atoparse incluso por menos de 700 euros) deixando ao dispositivo de Motorola cun difícil encaixe comercial.
O Motorola Razr 2022 funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 1, 8 GB de RAM, 256 GB de memoria UFS 3.1, pantalla principal Full HD+ de 6,7 polgadas e pantalla externa de 2,7 polgadas, cámara traseira dual cun sensor principal de 50 Mpíxeles e con estabilización óptica, cámara frontal de 32 Mpíxeles, altofalantes estéreo, NFC, Bluetooth 5.1, Wi-Fi 6E, soporte para eSIM, resistencia IP52 e batería de 3.500 mAh con carga rápida de 30 watts. Ou sexa, que estamos ante un produto moi completo, que como principais limitacións ten as propias do seu formato (batería de capacidade reducida e pantalla máis fráxil), pero sen compromisos a nivel de prestacións.

PUBLICIDADE