Chega a España a nova base de carga sen fíos de Microsoft

xoves, 14 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Cada vez son máis os fabricantes que nos seus produtos de alta e media gama incorporan a cómoda carga sen fíos (existindo incluso adaptadores que permiten integrar esta tecnoloxía (Qi) en dispositivos que non a inclúen de serie) e para facilitar a carga de smartphones sen o uso de cable Microsoft vén de engadir á súa tenda en liña a placa de carga sen fíos DT-904, que facilita que carguemos o teléfono con só pousalo sobre a mesma.
Esta placa de carga resulta cómoda e elegante, casando especialmente co deseño dos smartphones da familia Lumia (aínda que tamén pode empregarse con teléfonos con carga sen fíos doutras compañías) e conta tamén cunha luz suave na súa parte inferior que indica cando a batería está baixa de carga. Este accesorio tamén conta cunha luz de notificación de chamadas perdidas, mensaxes de texto e mensaxes de correo electrónico.
A placa de carga DT-904 colle enerxía a través dun porto USB, conta con conectividade Bluetooth 4.0 e NFC (para a sincronización co smartphone), mide 159 x 76 x 8,9 milímetros, pesa 150 gramos, inclúe un cable de 1,5 metros e o seu prezo oficial é de 69,99 euros.

A nova base de carga está deseñada pensando nos smartphones da familia Lumia

PUBLICIDADE