Chega Vivea.gal, a guía transmedia para difundir o lecer e a cultura de Galicia

venres, 5 de decembro do 2014 Redacción

Onte anunciaba a CRTVG a apertura de Vivea.gal, en palabras da corporación “a primeira guía de eventos en vivo de Galicia”, un servizo público que nace coa vontade de difundir e promover a xeito de canle de información o lecer e na cultura do país (artistas, propietarios de salas, promotores, asociacións...) entre os cidadáns. Así, en Vivea.gal os usuarios atoparán os mellores concertos, obras de teatro, espectáculos escénicos, exposicións, feiras, festas, eventos para nenos e obradoiros culturais de Galicia.
Este proxecto transmedia, que nace na internet conectando os usuarios e que se espalla en todas as canles da CRTVG, amosa dende o seu nacemento máis dun milleiro de eventos que se poden gozar en Galicia nos vindeiros días e ofrécelles aos usuarios a posibilidade de mercar entradas dos seus eventos favoritos desde a internet.
Dicir que a plataforma pode ser consultada desde todos os dispositivos e, polo tanto, reforza o obxectivo da CRTVG de facilitarlles aos seus usuarios “onde, como e cando” queren consumir os contidos. Ademais, achégalles todas as semanas aos correos dos seus seguidores unha newsletter onde se seleccionan e recomendan os principais eventos da oferta cultural da fin de semana.
Por último, subliñar que esta iniciativa é o primeiro proxecto que nace baixo o .gal, convertendo así a CRTVG nun referente de compromiso co idioma galego na Internet.

PUBLICIDADE