Chega Mailbor, tecnoloxía galega para tirarlle o máximo proveito ao correo electrónico como ferramenta de traballo

xoves, 15 de decembro do 2016 Redacción

Co obxectivo de introducir o elemento smart no ámbito do email, creouse na Coruña unha tecnoloxía denominada Mailbor que se dirixe, en palabras dos seus desenvolvedores, a potenciar e salientar o valor de poder do correo electrónico como ferramenta de traballo. Ou sexa, a permitirnos tirarlle o máximo partido. Segundo engade Ricardo Villa, director executivo do proxecto, “Mailbor é un novo xestor de correo electrónico intelixente que posiblita facer cousas como crear ao instante todos os enderezos que se nos ocorran”. Tamén fai posíbel a organización dos emails por etiquetas antes de recibilos, crear secuencias de traballo en liña e suprimir as misivas enviadas antes que as vexa o receptor. O xestor intelixente Mailbor, creado integramente na nosa terra, está xa en funcionamento e pódese acceder a el dende a páxina de seu, mailbor.com.
Segundo no conta Ricardo Villa, un dos creadores da ferramenta, a aplicación ofrece funcións que “non se atopan nos tradicionais xestores de correo”, como a posibilidade de crearmos, ao instante e sen necesidade de ningunha configuración previa, todos os enderezos de correo que desexemos. “Nós decidimos que enderezo queremos asignar a cada persoa e todos os correos chegan despois á nosa caixa de correos virtual”, engade, explicando que Mailbor vén a suplir unha serie de carencias nos diferentes servizos de email empregados por moitas das nosas empresas, “unhas carencias que derivan en problemas graves para os fluxos de traballo”. Cousas como procuras imposíbeis de correos por palabras clave, arquivos en cartafoles pouco prácticos de correos importantes, imposibilidade de recibir correos con arquivos pesados pola pouca capacidade da conta, etc.
Entre as grandes vantaxes de Mailbor atópase a funcionalidade de ordenar os envíos mesmo antes de recibírmolos. Igualmente, dispón dun servizo que permite crear secuencias de traballo en liña a través do correo no que cada persoa ten un papel determinado na cadea. “Isto”, explican o propio Ricardo Villa, “evita que sexa preciso carrexar papeis dun despacho a outro, aforra tempo e é máis ecolóxico”.
Entre as funcións de Mailbor tamén está a posibilidade de crear etiquetas privadas para os correos ou arquivos que non queiramos que vexan outras persoas cando temos que compartir unha conta de correo con outro compañeiro. Ademais, Mailbor evita que teñamos que utilizar ferramentas externas á aplicación web para poder enviar arquivos pesados como fotos. “Co noso xestor”, engaden os seus creadores, “podemos subir toda a información que desexemos dende o noso escritorio a Mailbor e despois enviala por email ao destinatario para que acceda aos arquivos que desexemos polo tempo que desexemos”. Por certo que estes arquivos poden ser de até 1 GB. Os envíos de correo non teñen límite de tamaño.

PUBLICIDADE