Chamamento en liña a botar abaixo á nova tentativa de censura dos EE. UU. na Rede

luns, 21 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Comezamos a semana coa resaca das eleccións e con outra cousa de importancia para os tempos que están por vir: o debate que se está a xerar no Congreso dos Estados Unidos sobre unha lexislación que e en teoría (e pode que na práctica) lle daría ao Goberno do país (e a tódalas entidades e organizacións que constitúen ese Goberno, alén de Obama) meirande posibilidade de tirar abaixo os contidos que considere que lle poden afectar negativamente. Segundo se nos conta na plataforma activista Avaaz, co pretexto da seguridade da cidadanía, dos dereitos de autor e outras historias (que en realidade é a seguridade destas organizacións das que falamos) estaríaselle a dar corpo á posibilidade de crear unha listaxe negra que incluiría, entre outras, a YouTube, Wikileaks e mesmo a grupos como o devandito Avaaz, dende o que, por certo, xa se puxo en marcha unha petición en liña de sinaturas para pórlle freo á devandita lei.
Esta iniciativa baséase no apoio a congresistas “clave” que actúan arestora de oposición á normativa en debate. A idea é crear unha fronte común que “derrote esta tentativa de censura global na Internet”. Segundo informa Avaaz, baixo esta nova lei poderíase obrigar aos provedores de Internet a bloquear calquera páxina web sospeitosa de violar dereitos de autor ou leis de propiedade intelectual; ademais, engade, poderían tamén inutilizar aquelas páxinas que non vixíen de abondo a actividade dos usuarios, “e como a maioría de servizos de aloxamento de Internet están emprazados en EE. UU., esta listaxe negra poderá restrinxir de maneira drástica o acceso de todos nós a unha Internet libre”. A devandita lei poderá aprobarse nuns días, pero segundo se avanza dende Avaaz, a comunidade internauta e os congresistas que se opoñen á iniciativa teñen poder de abondo como para poder parala, de facer fronte común.

PUBLICIDADE