Cesan a produción da Nintendo 3DS

venres, 18 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Aínda que dende Nintendo tiñan claro que o lanzamento da Nintendo Switch non sería a desaparición a curto prazo da Nintendo 3DS, consola portátil que seguiu recibindo novidades durante moitos meses, o feito de que xa estea no mercado a Nintendo Switch Lite, versión da Switch totalmente portátil, deixou claro que as 3DS xa non tiñan moito espazo no mercado, de aí que a páxina web de Nintendo no Xapón indique que toda esta familia de consolas está fóra de produción, ou sexa, que Nintendo 3DS, a Nintendo 3DS XL, a Nintendo 2DS e a Nintendo 2DS XL xa non se fabrican, de xeito que a súa desaparición do mercado dependería das existencias que queden nas tendas.
Tendo en conta que a consola portátil de Nintendo leva no mercado dende 2011, pode considerase todo un éxito, xa que conseguiu unha grande lonxevidade nunha complexa situación na que as previsións temían que os smartphones e as tabletas matasen ás consolas portátiles. De feito, a 3DS foi a consola que mantivo a Nintendo con certa saúde nun momento no que a Wii U non conseguiu callar entre o público, sementando o terreo para a chegada da Nintendo Switch, consola que está a verse como toda unha revolución pola súa proposta híbrida entre consola portátil e de sobremesa.

PUBLICIDADE