Cesa a caída de liñas de telefonía móbil en España

martes, 16 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Ganancia neta de liñas móbiles (en milleiros) durante o pasado mes de maio

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) publicou hoxe a súa nota mensual correspondente ao mes de maio, que veu acompañada coa grata sorpresa de que o número de liñas móbiles medrou en 31.326 tras 10 meses consecutivos de caídas, aínda que continuando a rexistrar un volume de portabilidades (593.633) moi elevado, deixando constancia do interese dos usuarios en axustar o máximo posible o seu gasto telefónico ás súas necesidades.
Os novos datos da CMT cifran o número das liñas móbiles en España en 52,1 millóns (un 5% menos que hai un ano), con Movistar e Vodafone rexistrando as meirandes perdas de liñas e os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) beneficiándose de tal fuxida de clientes. De todos os xeitos, os OMV só acadan o 11,10% do mercado de liñas móbiles.
No que a banda larga se refire, o mes de maio tamén foi moi positivo, con 57.320 altas netas, das que 20.217 corresponderon a liñas de fibra óptica ata o fogar. As conexións de banda larga fixa sería o número mercado recollido no informe que medraría interanualmente (un 4,7%).

PUBLICIDADE