Certifican dende o Campus de Pontevedra que os vellos partidos políticos desaproveitan as redes sociais
xoves, 2 de novembro do 2017
Esta semana (30 e 31 de outubro) celebrouse no
Campus de Pontevedra (UVigo) a segunda edición das Xornadas
Científicas de Comunicación Organizacional, nas que
participaron preto de 20 especialistas de diferentes universidades
estatais, aos que se sumaron outros 30 inscritos e 55 comunicacións.
O evento, que veu da man da Asociación Española de Investigación e
o grupo de investigación CP2, constituíse coma un foro de debate
sobre novos medios e tecnoloxías da comunicación e sobre como estas
ferramentas poden mudar as relacións das organizacións cos seus
destinatarios (usuarios, clientes e colaboradores reais ou
potenciais). Entre
os temas concretos nos que se fixo fincapé situáronse as redes
sociais. Segundo se fixo saber, a actitude xeral das
organizacións políticas fronte a estes servizos está a ser máis
ben conservadora, de risco controlado. Pola contra, non se adoitan
explorar vieiros que poidan xerar máis beneficios.
Estes fenómenos arredor das redes sociais foron
avaliados ao detalle polo profesor Andreu Casero, da Universidade
Jaume I de Castellón, quen achegou un estudo sobre o uso de Twitter
nas eleccións xerais de xuño de 2016. Segundo fixo saber, a
existencia dun “escenario moito máis aberto”, no que xa non só
as/os profesionais da comunicación teñan “capacidade de construír
e difundir mensaxes” constitúe unha das claves dese novo escenario
no ámbito da comunicación política. Un escenario que implica,
dixo, “novas oportunidades laborais” e a posibilidade de que
tanto organizacións políticas como colectivos sociais poidan
desenvolver “unha estratexia comunicativa en redes sociais que
poida xerar algún tipo de influencia”. O abano de utilidades neste
eido é tan amplo como poidamos imaxinar, engadiu, e o abano inclúe
cousas como artellar comunidades virtuais ou chegar máis
directamente á cidadanía. “Outra cousa”, explicou, “é que
os actores políticos aproveiten esas oportunidades ao 100%”.
Segundo fixo saber Casero, só os movementos
cidadás e organizacións políticas emerxentes, como Podemos ou
Cidadáns, “aproveitaron máis as redes sociais para buscar
fórmulas innovadoras de comunicación”. Pola contra, nos
principais partidos prima “unha xestión conservadora” das redes,
“polo medo a perder o control da mensaxe”, dirixida a “evitar
riscos”. Entre os principais perigos atópase o feito de que unha
mensaxe remate converténdose nun meme, situación que ao
seu xuízo, “acabaría por bloquear novas fórmulas” que poderían
resultar “unha vía moi interesante para captar a novos públicos
pouco interesados na política”.