Cerceda e a USC organizan un festival de booktrailers

luns, 10 de abril do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucas as editoriais e os autores que á hora de promocionar os seus libros recorreron a plataformas audiovisuais como YouTube, chegando incluso a lanzarse a innovacións como o uso do vídeo en 360 graos (como fixeron co Galería de saldos de Diego Giráldez), deixando claro que os booktrailers son cada vez un formato a ter máis en conta, o así o entenden dende a organización do Booktrailer Film Festival, que celebrarase entre os días 20 e 22 de setembro na provincia da Coruña.
Os días 20 e 21 de setembro contarán con actividades no Auditorio de Cerceda, mentres que o día 22 desenvolveranse obradoiros, unha conferencia e a gala final da Universidade de Santiago de Compostela, estando enmarcado este festival no proxecto europeo Booktrailers and Videostorytelling: How to teach and learn reading appreciation.
Os creadores poderán participar neste festival presentando traballos a concurso nas categorías de Booktrailer (con resumos en vídeo dun libro ou fragmento do mesmo cunha duración máxima de 4 minutos), Videoclips (con expresións audiovisuais acompañadas por unha canción cunha duración máxima de 6 minutos) e Experiencias didácticas (con pezas audiovisuais cun claro obxectivo didáctico cunha duración máxima de 8 minutos), destacándose o feito de que cada categoría estará dividida en dúas sección: unha para menores de 17 anos (co que búscase a participación de estudantes de primaria e secundaria), con premios de 100 euros por categoría e outra para maiores de 17 anos con premios de 300 euros por categoría.
A inscrición ao concurso xa está aberta e a data límite de recepción de vídeos será o 20 de xuño, comunicándose os gañadores o 10 de setembro.

PUBLICIDADE