Centros de Vedra, A Coruña, Brión, Ortigueira e Tordoia impóñense en #ApuntasTech?
xoves, 25 de abril do 2019
O
Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou
hoxe nas actividades da sétima edición do Día Internacional das
Rapazas nas TIC, cuxa
vertente galega focalizouse no Centro de Supercomputación de Galicia
(CESGA). Pola entidade profesional galega concorreu a vogal da
xunta de goberno do CPEIG, a enxeñeira en Informática Pilar Vila
Avendaño, quen interveu nun coloquio virtual xunto a outras tres
mulleres profesionais relacionadas co mundo das TIC: Sonia
Valladares, Mercedes García e Bertha Caro. Neste coloquio
interactuaron, coas súas cuestións, máis de 400 estudantes de
primaria e secundaria de dez centros escolares de toda Galicia.
Ademais,
máis de 30 rapaces participaron nos obradoiros e demostracións
lúdicas que se levaron a cabo (in situ) na sede do CESGA. Ao fío
disto, organizáronse visitas didácticas ao supercomputador Finis
Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos
de investigación e que permite reducir de maneira considerábel os
tempos de execución das aplicacións actuais.
Asemade,
desenvolvéronse diversos obradoiros de robótica, de impresión 3D,
de iniciación á programación con Scratch, e demostracións de
realidade virtual e mixta, Makey-Makey, un kit de creación
interactiva, etc.
31
propostas candidatas ao certame #ApuntasTech?
No
marco da xornada conmemorativa deste 25 de abril, a Secretaría de
Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, convocaron o
primeiro concurso #ApuntasTech? para
promover as vocacións tecnolóxicas femininas na nosa terra. A
inscrición pechouse con 31 propostas de traballos sobre a tecnoloxía
na aula de alumnado, profesorado e profesionais da formación en
catro categorías: Primaria, Secundaria, Centros Escolares e Libre.
Finalmente,
resultaron gañadores os seguintes traballos: na categoría de
Primaria, Unha nova impresión para a nosa viaxe (da man de 6
alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CPI Plurilingüe de Vedra);
na categoría de Secundaria, +Tinkering Apuntastech (da man de
alumnado de 3º da ESO D do IES Monte das Moas da Coruña); en
Centros Educativos Girls & STEM (primeiro premio, da man
de Patricia Hermida, profesora do IES de Ortigueira) e Tócala
otra vez Ada (segundo premio, da man de Conchi Fernández Munín,
profesora do IES Monte das Moas da Coruña); e na categoría Libre
obtivo o primeiro premio Telegal (de Ana Armada de Telemática
Galicia).
Ademais
foi obxecto dun primeiro accésit o proxecto Recoñéceas, do
alumnado de terceiro da ESO B do IES de Brión, na modalidade de
Secundaria.
A
maiores, o proxecto Pequenos códigos para as nosas pequenas
(de Jorge Rascado, profesor do CPI Pecalama de Tordoia) recibiu un
accésit primeiro na categoría de centros educativos. Nesta mesma
modalidade, Coñecendo ás vedresas (de Yolanda Neira,
profesora do CPI de Vedra) foi obxecto dun accésit segundo.
Na
categoría Libre, Geometría Fractal (Sergio Cepeda de Proxecto
FractalFun) obtivo o accésit primeiro.
O
CPI O Cruce recibiu unha mención especial por ser o centro que máis
propostas enviou nas diferentes categorías.
Obxectivos
Un
dos obxectivos do certame Apuntastech? foi “promover o
traballo coa tecnoloxía na aula de forma diversa, lúdica e tendo
moi presente a perspectiva de xénero”. Por iso, búscase que “o
profesorado conte con estratexias, propostas e ferramentas concretas
que axuden a apaixonar sobre o potencial transformador, de beneficio
directo á sociedade, e creativo das tecnoloxías na aula”. Ao fío
disto, o concurso pretende, “dun xeito lúdico e aberto”,
escoitar “a todas as partes implicadas para poder reunir as
mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para traballar as
tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora
dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”.
Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores
propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na
web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais
educativos online.
O
certame está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración
coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio
Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG),
Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia
(AMIT-Gal) e a Asociación PuntoGal (.GAL). Conta co apoio de
múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería
de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de
Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias
da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de
Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da
Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da
Universidade da Coruña (UDC), Asociación MujeresTech, e grupos de
mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!, así
como a tenda en liña Bricogeek.com.