Cen nenos e nenas celebran na Rede a música e a poesía galegas da man do CCG

venres, 5 de xuño do 2020 Sonia Pena

As redes, nestes tempos de crise sanitaria, están a conseguir o impensábel e o imposíbel. Por exemplo, que se xuntasen en liña cen nenas e nosa terra e sorteasen as restricións ao presencial e ao multitudinario para celebrar a súa cultura. Isto foi o que veñen de acadar o Consello da Cultura Galego, a Consellería de Cultura e a Consellería de Educación, que xuntaron forzas para que seguise activo o ciclo didáctico e musical No bico un cantar, que adoita xuntar un gran coro de crianzas nun concello determinado para cantar a poesía galega.
Así, malia que as medidas de prevención ante a pandemia provocada pola COVID-19 suspenderon esta iniciativa no seu formato presencial (cuxa seguinte cita ía ser este venres 5 de xuño en Allariz), preparouse unha edición especial na que un centenar de alumnos e alumnas de conservatorios profesionais cantan desde as súas casas Maio longo, o poema de Rosalía musicado por Baldomir co que cada ano remata este concerto.
Os novos cantores, xunto co grupo de metais Hércules Brass, que participa nesta iniciativa desde a súa creación, cantaron desde os seus fogares o poema de Rosalía de Castro Maio longo, e a súa interpretación pódense escoitar no vídeo elaborado polo Consello da Cultura Galega para lembrar que este venres 5 de xuño “debiamos estar en Allariz cantándolle á xeración Nós”. Esta edición especial ten como título Nenas e nenos cantan na casa e serve para manter o espírito colaborativo desta iniciativa. O concerto que estaba previsto que se celebrase este ano trasládase a 2021.

PUBLICIDADE