Celebran o primeiro combate de robots xigantes tripulados
mércores, 18 de outubro do 2017
A pasada madrugada celebrouse o que algúns consideran unha
competición histórica: o primeiro duelo de robots de combate xigantes. Tratouse
do combate entre robots da estadounidense MegaBots
Inc. contra a xaponesa Suidobashi Heavy
Industry, aínda que na práctica tiña moi pouco de competición e moito de
espectáculo, buscando congregar a milleiros de espectadores de todo o mundo seguindo
o evento en vivo a través de Twitch.
O primeiro enfrontamento de robots xigantes tripulados foi entre o
estadounidense Iron Glory (MK2) e o xaponés Kuratas, conseguindo este último a
vitoria cun único golpe. No segundo asalto Iron Glory foi substituído por Eagle
Prime (MK3), que intercambiou algún puñazo e disparo con Kuratas, rematando sen
un claro gañador. Finalmente houbo un terceiro asalto algo movido, no que
Kuratas tentou cegar a Eagle Prime disparando cunha ametralladora ás súas
cámaras, o que non foi moi efectivo, ata que o robot norteamericano comezou a
estragar a armadura do rival coa serra que tiña nun dos seus brazos, facéndose
así coa vitoria.
Rematou en empate este esperado combate que levaba pactado dende hai máis de 2
anos, sen conseguir transmitir a tensión que finxían os presentadores da
emisión en streaming, no que parecía
máis unha teatralización que un combate real, ou sexa, que en vez dun combate
de boxeo entre robots a analoxía máis directa sería coa loita libre americana.
En calquera caso é certo que estamos ante o primeiro enfrontamento deste tipo,
o que pode considerase algo histórico, aínda que queda por ver se as
pretensións de crear campionatos desta disciplina parece ser demasiado
ambiciosa para no seu estado actual.
Vídeo íntegro do histórico combate