Celebramos o Día dos Medios en Galego cun concerto de Grande Amore e Ortiga

xoves, 2 de febreiro do 2023 Redacción

Cada 7 de febreiro Galicia celebra o Día dos Medios en Galego, data que lembra a saída da primeira publicación xornalística realizada integramente na nosa lingua: en 1876 Valentín Lamas Carvajal editaba en Ourense O Tío Marcos d’A Portela.
En 2023, somos máis de 130 medios o que utilizamos a nosa lingua como vehículo, como ferramenta, como obxectivo en si mesmo. 130 medios polos que en cada convocatoria de prensa, en cada boletín informativo, en cada noticia, reportaxe, entrevista, infografía… a lingua e a ollada galega están presentes. Nas ondas, na Rede e no papel. 130 medios que dignificamos, facendo máis útil, a nosa lingua.
A día de hoxe, un cento de cabeceiras conformamos a AMEGA. E para seguir movendo a nosa lingua, e catapultala entre a nosa mocidade, organizamos unha xornada festiva con dúas das referencias máis relevantes no panorama musical galego.
O xoves 9 de febreiro, a partir das 20:30, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Concello de Santiago, organizamos na Sala Capitol un minifestival de música galega contemporánea cos concertos de Grande Amore e Ortiga. O evento será de balde, sendo preciso reservar as entradas en liña.

PUBLICIDADE