Catorce centros de ensino da nosa terra mostran na Maker Faire Galicia o empuxe argalleiro da nosa rapazada

venres, 20 de novembro do 2020 Redacción

Este venres a mocidade tecnolóxico-argalleira tomou a palabra na feira Maker Faire Galicia 2020, o referencial evento de tecnoloxías libres e participativas que celebran VermisLab, a Xunta e o Concello de Santiago, e que chegou este 20 de novembro a un dos puntos culminantes da actual edición (unha edición virtual por mor da COVID): a xornada docente do evento. Nela participou o secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, que tivo palabras para enxalzar o talento e as capacidades creativas dos nosos centros de ensino, por exemplo os 14 centros Primaria, Secundaria e Formación Profesional que presentaron este venres os seus proxectos.
Un pequeno satélite, unha estación de baixo custo para o control da calidade da auga, ou o emprego da tecnoloxía ao servizo dunha educación máis inclusiva e segura nos tempos da COVID-19, son algúns dos proxectos presentados na Maker Faire Galicia 2020, que por vez primeira dedica todo un día ao ámbito educativo.
O programa pode seguirse enteiramente en liña desde calquera lugar e, ademais de mesas redondas, charlas e obradoiros destinados a docentes e alumnado, inclúe as presentacións de 28 proxectos de argalleiros e argalleiras de Galicia, do resto de España, Portugal e o Brasil. O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta participou na apertura do encontro, onde destacou “o bo facer de alumnado e docentes que se reflicte en proxectos tecnolóxicos como un minisatélite, unha estación de control de augas ou aplicacións para crear escolas máis inclusivas e seguras nos tempos da COVID-19”.
Neste sentido, José Luis Mira tamén recoñeceu a calidade dos proxectos presentadas nesta edición da Maker Faire, onde “podemos coñecer ideas de todo tipo, desde iniciativas para que os máis pequenos da escola traballen a motricidade fina e dean os seus primeiros pasos na robótica, ata un robot deseñado para axudar na xestión das emocións aos nenos e nenas con TEA, ou enxeñosas ideas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia, abrindo roupeiros e portas sen chave ou accedendo aos ordenadores sen teclear”, salientou.
Do total de 28 proxectos presentados no ámbito educativo, unha decena de finalistas presentan o seu pitch en liña para seren avaliados por un xurado especializado do CAFI, que decidirá os tres galardóns do certame. Ademais do recoñecemento ao seu traballo, recibirán como premio uns kits de robótica e electrónica básica para continuar a desenvolver proxectos creativos e tecnolóxicos desde o centro de ensino.
Entre os 14 centros galegos que participan no encontro atópanse por exemplo o IES A Pinguela de Monforte de Lemos, que deseñou e construíu unha recreativa arcade totalmente personalizada e montada polo alumnado; o IES David Buján de Cambre, con dous proxectos para a creación dunha estación de baixo custo para o control da calidade da auga dos ríos ou un espazo biomaker para facer investigacións de biotecnoloxía en colaboración con escolas de Lituania, Italia e Macedonia. Desde o IES Sánchez Cantón de Pontevedra preséntase tamén un proxecto de minisatélite desenvolvido por seis estudantes de Bacharelato para a competición Cansat convocada por ESERO-Spain –organismo dependente da Axencia Espacial Europea.
No ámbito máis social, atópanse tamén propostas que tiran proveito da tecnoloxía como ferramenta de axuda e inclusión, como o presentado polos IES Zalaeta e o Centro de Educación Especial Nuestra Señora de Lourdes, da Coruña, ou o proxecto Instituto Ensino Secundario Seguro, xurdido no IES Maximino Romero de Lema da Coruña ao abeiro das medidas de adaptación ao contexto da COVID-19, co fin de crear espazos seguros dentro do centro educativo que reduzan o contaxio do virus SARS-COV2. Con este proxecto preténdese impulsar as habilidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) do alumnado, ao mesmo tempo que se procuran ideas enxeñosas para aplicar a tecnoloxía fronte á pandemia e entre as que se atopan abrir os roupeiros ou as portas sen chave, ou acceder a ordenadores con tarxetas sen necesidade de tocar o teclado.
Desde a plataforma en liña da Maker Faire Galicia 2020 pode accederse a todos os contidos do programa destes cinco días dedicados á creatividade e ao enxeño.

PUBLICIDADE