Castrelo de Miño organiza o vindeiro día 27 o primeiro encontro de granxeiros virtuais de España

martes, 15 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

As redes e os nosos piares económicos (neste caso actividades do rural) non só son compatibles senón que se necesitan uns aos outros. Practicamente, é coma se falasen o mesmo idioma pero sen sabelo. O único que fai falta para un mellor e máis frutífero entendemento son mellores infraestruturas dixitais e, sobre todo, caer na conta do potencial da Internet, tan innovadora ela, como unha inmellorable corredoira entre a cidade e o noso rural. De asumir estes cambios e tirar partido deles é do que trata a nova iniciativa dixital do Concello de Castrelo de Miño, unha proposta que consiste en apoiar a plena presenza das explotacións agrícolas locais na Rede de hoxe, contribuíndose a un modelo mixto, a medio camiño entre o real e o virtual pero sacando o máximo proveito de cada un destes eidos.
O proxecto non xorde só: virá acompañado do primeiro encontro de granxeiros virtuais de España, a desenvolver o vindeiro 27 de decembro en Castrelo.
Por certo que a cita coincidirá coa estrea da feira de produtos agrícolas e artesanía que o Concello quere instaurar tódolos últimos domingos de mes, sendo o seu obxectivo (o da cita virtual) o de conxugar a agricultura real cos modelos de presentación e distribución que se están a espallar polas redes. Segundo informa o goberno local, as persoas que desexen participar nesta xuntanza poderán pasar a noite de balde no albergue municipal.
Proxectos semellantes
A proposta de Castrelo non xorde da nada. Arestora hai unha chea de plataformas onde internautas de todo o mundo manteñen contacto a través de ferramentas que se inspiran en redes de explotacións agrogandeiras. O resultado podémolo ver en servizos como Farmville, que dá acubillo á interacción de centos de milleiros de agricultores que, en troques de facer o seu labor cos apeiros de labranza tradicionais e de vender e mercar produtos con diñeiro tradicional, empregan ferramentas de traballo e cartos virtuais. O potencial deste labor, malia non repercutir directa e visiblemente na riqueza dunha terra ou dunha economía, é ben grande. En parte porque abre as portas da Rede para as actividades económicas teoricamente máis afastadas e, en parte, porque o modelo de interacción destas granxas virtuais ben pode ser aproveitado para a posta en marcha de propostas mixtas, é dicir, granxas reais que traballen coa Rede como antes traballaban coas feiras ou os espazos de venda e distribución tradicionais.
Na liña de obter coñecemento destes achados é onde se sitúa a xuntanza de granxeiros virtuais que convoca Castrelo. Dáse a circunstancia, ademais, de que este concello (que basea unha boa parte da súa economía en actividades agrícolas e vitivinícolas) conta a día de hoxe cun bo número de veciños a cabalo entre os devanditos dous mundos: o da agricultura de tipo tradicional e o da actividade en liña, relativamente nova e pendente de explorar. Isto débese en parte ao labor de normalización e divulgación tecnolóxica levado a cabo polo Centro de Dinamización local e tamén, informa o Concello, “a que en Castrelo máis do 60% da poboación conta con conexión sen fíos gratuíta a Internet, logo de que en 2008 comezase este proxecto municipal, cuxa implantación rematará este mes, chegando ao 90% dos habitantes”.
Entre as actividades previstas para a xuntanza do 27 (motivada como dixemos polo alto número de granxeiros virtuais que alberga este concello do Ribeiro), inclúense todo tipo de concursos (tanto de explotacións virtuais como de produtos hortícolas reais, co fin de acadar o máximo beneficio dunhas e doutros). Deste xeito, infórmase, “os máis avezados granxeiros virtuais recibirán de premio os mellores produtos das hortas de Castrelo de Miño, así como as máis selectas conservas que os veciños elaboraron tras participar en diversos cursos convocados durante este ano polo goberno local”. Para os que estean interesados en participar, o Concello porá á súa disposición unha aula de informática e a liña Wi-Fi para aqueles que acudan co súa propio portátil. Asemade, o albergue local dará acubillo gratuíto na noite do sábado 26 a aqueles granxeiros virtuais que desexen pasar a noite no municipio.

PUBLICIDADE