Castelao, reconstruído polo CCG, regresa a Rianxo

mércores, 12 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Castelao volve a Rianxo, ao lugar de onde en certa maneira nunca marchou. Ademais, trátase dun regreso tocado pola maxia da tecnoloxía, que todo o potencia e o viraliza. Isto vén a conto para falar da inauguración, esta semana, da mostra Alba de Gloria (unha experiencia) no auditorio municipal rianxeiro, onde estará visíbel até o 17 de xullo (logo da súa estadía en San Domingos de Bonaval, en Santiago). A exposición, impulsada polo Consello da Cultura Galega, é unha recreación innovadora e vangardista do derradeiro discurso de Castelao.
A experiencia foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e o comisario da mostra, Manuel Gago.
Alba de Gloria pasará á historia por moitos e variados motivos, pero principalmente polo seu épico contido (poderíase dicir que o discurso de Castelao, pleno de emoción é o mellor dos guións posíbeis, un sentido discurso pola nosa historia), pola significativa suma dos seus elementos e, tamén, pola vertente tecnolóxica da que fai gala (inclúe, entre outras cousas, unha abraiante e complexa reconstrución en realidade virtual do propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que é o que se ocupa, precisamente, de guiar aos visitantes a través da historia reivindicada no seu discurso).
Segundo informa o CCG con motivo da inauguración deste 11 de xuño, “Rianxo é a localidade de nacemento de Castelao, lugar ao que volveu en numerosas ocasións e que ten un oco moi destacado na súa biografía, por iso non é de estrañar que a primeira parada da itinerancia desta mostra teña lugar nesta vila”.
Como dixemos, Alba de Gloria foi o derradeiro gran discurso que pronunciou Castelao en vida. Tivo lugar no festival do Centro Galego realizado no teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, o 25 de xullo de 1948. Trátase dunha alocución que “enumera as grandes figuras da cultura galega”, lembra o CCG, que explica que arrinca coa figura de Prisciliano e remata con Valle-Inclán, repasando, entremedias, até sesenta e cinco figuras e persoeiros da nosa historia e cultura (entre outras e outros, Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Diego Xelmírez, Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro ou san Dámaso).
O Consello da Cultura tamén salienta que a mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante, a través duns lentes de Realidade Virtual, pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Outra das partes da mostra, o Labirinto, reproduce as figuras que o escritor e político rianxeiro cita na súa alocución e na que constrúe un posíbel panteón nacional de Galicia. Outra das vertentes da exposición é a Sala das Palabras, un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época.
A reconstrución en 3D do rostro de Castelao
Sen dúbida un dos grandes retos tecnolóxicos da exposición foi o traballo de reconstruír coas máis avanzadas técnicas 3D o rostro de Castelao, a peza central da experiencia virtual e expositiva. Amais de Manuel Gago, cuxa experiencia en viaxes virtuais ao noso pasado é longa, o desenvolvemento da mostra contou co traballo de Pablo Aparicio, artista 3D e experto en patrimonio virtual, aos que se sumaron, coas súas contribucións, diversos membros da comunidade galega en Bos Aires (testemuñas directas do discurso). A idea do CCG era facer “unha recreación realista e respectuosa” do político e escritor rianxeiro na súa idade madura. O reto non foi un reto calquera: “O encontro con Castelao é, se cadra, a parte máis emocionante da experiencia da visita á exposición Alba de Gloria”, engade o Consello da Cultura.
O rostro de Castelao
Dende a orixe da exposición, constatouse a necesidade de botar man da Realidade Virtual (RV) para “facer máis empática a mostra” e permitir que fose o propio Castelao o que guiara aos visitantes (interactuando con eles e coa axuda dunhas lentes Oculus de RV) a través “dun suxestivo percorrido polas raíces da cultura galega”. O traballo mostrou dende o comezo unha gran complexidade: cumpría obter un modelo 3D realista e, ao mesmo tempo, honrar a memoria da persoa que un día foi, o guía intelectual e político do noso pobo. Para encetar o labor, botouse man de dúas fontes documentais principais: as moitas fotos históricas que se gardan de Castelao (e dende diferentes puntos de vista) naquel tempo e máis a máscara mortuoria do escritor, feita trala súa morte polo escultor Domingo Maza e conservada no Centro Galego de Bos Aires. O resultado foi a elaboración dun modelo 3D fotogramético, que foi empregado como base para construír a xeometría da faciana. A mestura das ditas fontes documentais gráficas permitiu dar forma con precisión ao rostro de Castelao no sofware libre de deseño 3D Blender.


PUBLICIDADE