Casio comercializa unha cámara para selfies con forma de caixa de pos de maquillaxe

venres, 13 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A moda dos selfies levou a moitos fabricantes a coidar cada vez máis a cámara frontal dos seus smartphones, pero algúns van un paso máis aló e ousan lanzar produtos dirixidos expresamente aos autorretratos con efecto beleza, como a nova cámara TR-M11 de Casio, que este mes ponse á venda en distintos mercados, e que ten un formato moi curioso, xa que semella unha caixa de pos de maquillaxe, na que está integrada unha cámara de 10,5 Mpíxeles apoiada por 8 LED ao seu redor e cunha pantalla TFT táctil de 2,5 polgadas, que pode empregarse para disparar fotografías e gravar vídeo empregando distintos efectos de iluminación e efectos de beleza para despois compartir as imaxes nas redes sociais.
Este trebello con forma redonda está orientado á captura de contidos cadrados, buscando así que sexa máis doado compartilos nas plataformas sociais máis populares (como Instagram). Esta cámara de Casio tamén aplica numerosos filtros para axustar tons de pel, brillo facial... ou sexa, os típicos efectos de maquillaxe dixital que fan que os retratos encaixen mellor nos canons de beleza establecidos pola industria da moda. Para compartir os contidos nas redes sociais a cámara pode xestionarse a través dunha aplicación móbil que transfire as imaxes captadas directamente ao teléfono, contando tamén a aplicación EXILIM Connect coa posibilidade de previsualizar en vivo a imaxes da cámara para poder ter unha mellor vista das fotografías antes de tomalas que dende a reducida pantalla da TR-M11.
Esta curiosa cámara véndese con carcasas en 5 cores distintas en China, Hong Kong, Singapur e Taiwán por un prezo que supera os 420 euros, o que lévanos a entender que será moi difícil que chegue a comercializarse en Europa.

JPEG - 76.2 KB
A curiosa cámara integra un anel de LED con distintas configuracións para axudar a disparar mellores selfies

Vídeo promocional da cámara TR-M11 de Casio

PUBLICIDADE