Case o 80% dos alcaldes galegos usaron certificados dixitais en 2010

mércores, 9 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

A Administración Electrónica vai afianzando as raizames, non só no ámbito autonómico, senón tamén a nivel local: alí onde pensabamos que custaría máis que chegase. Segundo informou a Secretaría Xeral de Modernización facendo un reconto do acadado na dixitalización da actividade dos concellos ao longo do ano pasado, entre outros aspectos a avaliar, a maioría dos alcaldes, secretarios e inventores e máis da metade do resto de persoal dos consistorios, usaron certificados dixitais para exercitar as súas funcións. Este dato é unha das informacións máis salientábeis que se poden extraer do estudo A Administración Electrónica na Xunta de Galicia e nos concellos galegos, correspondente ao ano pasado e desenvolvido polo OSIMGA, observatorio pertencente ao dito departamento autonómico.
Nun plano máis específico, o estudo sinala que a porcentaxe de alcaldes da nosa terra que empregaron os devanditos recursos é do 80%, taxa que sube até o 85,5% no caso dos secretarios e supera o 56% no resto do persoal.
Asemade, no ano 2010, informa Modernización, o 12,7% dos concellos empregaron mecanismos de certificado dixital para a identificación dos visitantes na web, o que supón un incremento de 11,3 puntos porcentuais dende o ano 2007. Cómpre lembrar, para quen non o saiba, que os ditos certificados son en boa medida un elemento fundamental do proceso de dixitalización das institucións públicas, un sinal que permite ademais facer diagnósticos sobre o seu bo estado de saúde. O seu uso posibilita que entre en xogo outro elemento fundamental, a sinatura electrónica. A partir de aí, a tramitación dixital de documentos ten vía libre, coas vantaxes implícitas de aforro en custes e viaxes. A este incremento no uso, engade Modernización, contribuíu o contrato no 2010 da Xunta coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) para “facilitar a todos os organismos públicos galegos a obtención dos certificados necesarios para a implantación da administración electrónica”.
Con todo, non tódolos datos son todo o positivos que deberan. Segundo informa o departamento que dirixe Mar Pereira, aínda queda por facer no desenvolvemento de módulos de tramitación electrónica. A raíz dos informes do OSIMGA, o 53,1% dos concellos dispón de plataformas de perfil do contratante, o 46,5% de plataformas de rexistro telemático e o 39,6% de módulos para habilitar a sinatura electrónica. Onde si que se detectaron datos cen por cen positivos foi na interoperabilidade de servizos (con 3 de cada catro concellos accedendo aos sistemas de informacións doutras administracións para levar a cabo consultas) e na presenza de software libre, que xa chegou ao 73,5% dos concellos, ben sexa a través de programas para os ordenadores ou dos servidores. O maior medre no emprego da programación aberta obsérvase nos concellos de máis de 5.000 habitantes, que pasaron dunha porcentaxe do 64,6% no ano 2008 ao 91,3% no ano 2010, o que representa un crecemento de 26,7 puntos porcentuais. Esta evolución positiva prodúcese fundamentalmente nos concellos de 5.000 a 20.000 habitantes cun aumento de 29,3 puntos porcentuais.

PUBLICIDADE