Case a metade dos usuarios de PC fanse con software privado de xeito ilegal

xoves, 8 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Business Software Alliance, a organización que vela polos intereses da industria da programación de tipo privada, vén de presentar unha nova entrega dos seus recontos mundiais acerca de todo o que considera que non se lle debe facer a estes produtos informáticos, comezando por copialos e distribuílos de xeito ilegal. Unha vez máis, o informe pon de manifesto unha gran contradición: séguense a piratear programas privados, poñéndose en perigo os distribuidores e os destinatarios, cando existe un bo número de alternativas libres, a prezos reducidos ou de balde, para esas ferramentas. O caso é que, segundo indica, BSA, a cifra de usuarios de computadores persoais de todo o mundo que adquiren software por medios ilegais é de case a metade do total.
Isto facendo unha media, pero a situación agrávase, e moito, se atendemos só aos países en proceso de desenvolvemento económico, onde practicamente todo fillo de veciño asume este vieiro, ben por descoñecemento, ben por imposición dos distribuidores, ben por vontade propia. Estes e outros datos inclúense no estudio publicado por BSA no seu blog oficial, BSA TechPost, e elaborado por Ipsos, que para este traballo baseouse en arredor de 15.000 opinións de usuarios de PC de 32 países, cunha media de entre 400 e 500 entrevistas en persoa e máis en liña por cada país. Como dixemos, a investigación desvela que nos países en vieiros de desenvolvemento, os usuarios de computadores adquiren programas por esta vía ilegal de xeito regular: cousas como mercar unha soa licenza para un programa para instalalo logo en varios equipos, ou descargar programas a esgalla a través de redes P2P. E todo isto, sinala BSA, malia expresar o seu apoio aos principios de propiedade intelectual.
De entre tódolos países que máis quebradeiros lle provocan á industria están sen dúbida China, onde practicamente todo internauta que xe prece debeu comportarse como usuario ilegal destes produtos polo menos unha vez na súa vida máis ou menos longa de persoa conectada. Séguenlle Nixeria, Vietnam, Ucraína, Malaisia, Tailandia, Indonesia, Arabia Saudí, Corea do Sur e México. España está na parte da listaxe onde non fai frío nin calor, xusto no medio, cun 50% dos usuarios que adquiren software de xeito ilegal de maneira regular.
No estudo tamén se di que unha gran parte dos piratas de software nos mercados emerxentes cren que a adquisición non permitida de software é, no fondo, legal. Ao mesmo tempo, dise, consideran que a piratería de programas é moi común, e pensan que é pouco probable que os piratas vaian desistir da súa actitude.