Case a metade dos galegos xa optan pola TDT

martes, 5 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A Televisión Dixital Terrestre, tendo en conta que o apagamento analóxico xa se albisca no camiño (será o vindeiro 3 de abril), que é posible atopar receptores máis ou menos económicos e útiles e que a zona de escuridade dixital –paseniño e máis tarde do que se agardaba- vaise estreitando, só tiña un vieiro a seguir, practicamente: o vieiro do medre. Así o reflicte o estudo de decembro de TNS Sofres, que entre outros datos achega taxas sobre a porcentaxe de galegos que xa lle dan uso á TDT (o 48,3%) ou sobre a evolución que experimentou esta tecnoloxía ao longo do ano que remata: unha subida do 64% en termos de audiencia dixitalizada.
Segundo datos de TNS, un 15,4% das galegas e galegos están tamén preparados para a televisión dixital (aínda que non terrestre) ao contar cos servizos de cable, facéndoo un 4,4% pola vía do satélite.
Como dixemos, o apagamento definitivo a nivel estatal está previsto para o 3 de abril, pero cómpre sinalar que o proceso está xa ao caer (calcúlase que en dúas semanas) para as zonas de Ares, Meda, Santiago e Ourense Leste. A maiores, apuntar que a TDT gañoulle por vez primeira á televisión analóxica (a de toda a vida) a partida pola audiencia: púxose por diante en verán, cun 39,6% de seareiros desta tecnoloxía e un 39,3% ancorados aínda na anterior.

PUBLICIDADE