Case 200 estudantes cursarán este ano o STEMbach
xoves, 25 de outubro do 2018
O
Goberno galego
publicou hoxe a resolución definitiva pola cal 15 centros educativos
galegos ofrezan neste curso o Bacharelato de excelencia en Ciencias e
Tecnoloxía, o STEMbach. A medida, impulsada pola Consellería de
Cultura e Educación (ao abeiro da estratexia Edudixital 2020),
diríxese a afianzar e impulsar o ensino tecnolóxico-dixital baseado
nas catro patas da mesa STEM: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e
Matemáticas. No punto de mira están as posibilidades laborais,
profesionais, comunicativas creativas e de emprendemento que abre (e
abrirá) este tipo de formación. En cifras de estudantes, a estrea
do STEMbach chegará este ano a case douscentos.
O
Diario
Oficial de Galicia publica hoxe a resolución definitiva dos centros
seleccionados, a razón de 6 na provincia da Coruña, que
aglutinan 80 alumnos; 3 en Lugo, con 37 alumnos; 1 en Ourense, con 19
alumnos; e 4 na provincia de Pontevedra, que suman 63 alumnos.
Trátase
dos seguintes centros: CPR Plurilingüe Compañía de María (A
Coruña), o IES Agra do Orzán (A Coruña, o IES Sofía Casanova
(Ferrol), IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago), o IES
Arcebispo Xelmírez II (Santiago), IES María Casares (Oleiros), IES
Lucus Augusti (Lugo), o IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), o IES
Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), o IES Eduardo Blanco Amor
(Ourense), o IES Ramón Cabanillas (Cambados) o IES Ramón Mª Aller
Ulloa (Lalín), o IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), o IES
República Oriental de Uruguay (Vigo), o IES A Sangriña (A Guarda).
Segundo
indicou a Consellería, o STEMbach representa unha opción formativa
concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, constitúe
unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que
lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. De feito, o
devandito proxecto a defender forma parte deste adestramento.
Semellante ao traballo de fin de grao, o proxecto será co-dirixido
por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario
ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema
Universitario de Galicia (SUG).
A
Consellería tamén explica que o alumnado cursará algunha materia
extracurricular semanal relacionada co ámbito de materias STEM e
“cunha orientación ao traballo na mellora das competencias
comunicativas e dixitais”. Esta materia terá unha carga lectiva
semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Así
mesmo, os estudantes farán actividades complementarias de formación,
organizadas polo centro en colaboración con universidades ou
entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de
recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
O
alumnado recibirá ao remate unha certificación acreditativa da
dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a
este programa.
Outra
das novas accións STEM é a creación dos Espazos Maker, en palabras
da Consellería “lugares nos propios centros educativos que
fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de aprender
facendo”. Estes espazos incluirán equipamento específico e unha
achega económica e estarán destinados a alumando, profesorado e
mesmo familias para que “poidan desenvolver proxectos mediante a
experimentación”.