Carmen José López, nova presidenta de FEGAXE-AJE Galicia

xoves, 3 de abril do 2014 Redacción

A Federación Galega de Empresarios Novos (FEGAXE-AJE Galicia) xa ten nova persoa ao mando, por vez primeira unha muller dende a súa posta en marcha. Trátase da avogada lucense Carmen José López, até o de agora secretaria xeral de AJE Galicia e AJE Lugo. A nova foi dada logo da asemblea electoral que se celebrou este mércores e na que os integrantes da comisión executiva deron o seu apoio maioritario a Carmen José López, quen sucede no seu cargo a José Manuel Valenzuela.
Logo do acto (desenvolvido na sede da Confederación de Empresarios de Galicia), a nova presidenta dixo que asume este reto “acompañada dun equipo humano inmellorable, directivos e asociados en xeral, que demostran, día a día que os novos empresarios temos moito que dicir e moitas ideas que achegar”.
E engadiu, facendo referencia á crise e a falta de expectativas para a nosa mocidade: “Non hai dúbida de que o contexto económico condiciónanos, pero fronte a esta situación as preto de mil empresas representadas por AJE Galicia amosan cada día que Galicia é un territorio rico en proxectos”.
Respecto ao que está por vir, Carmen José López comunicou que continuar a senda marcada polo seu predecesor sen esquecer a parte institucional pero ampliando tamén os obxectivos. Un dos principais será converter a marca AJE Galicia nunha marca común para potenciar as necesidades das 5 AJE que a conforman e dos seus socios.

PUBLICIDADE