Carlos Suárez revive no Chanfaina Lab o espírito de Escoitar.org

luns, 3 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta fin de semana pasada foi de moita actividade creativa no concello de San Sadurniño, co engadido extra de ser unha actividade sen cancelas, plenamente colaborativa. O motivo? A celebración da quinta edición do encontro de cineastas Chanfaina Lab. As xeiras destes días empregáronse basicamente a “captar a esencia da paisaxe, da xente e das súas historias”. Porén, as primeiras actividades tamén se centraron en mostrar os múltiples camiños creativos que nos ofrecen as novas ferramentas e canles tecnolóxicas, camiños para extraer o talento que todas e todos levamos dentro.
Entre os participantes destas sesións formativas figurou o músico e investigador sonoro ourensán Carlos Suárez, que comezou destacando a importancia do sentido do oído á hora de afrontar o deseño dos nosos contidos, un sentido que é “capaz de percibir espazos e ambientes en tres dimensións a pesar de dispoñermos só de dúas orellas, algo que a ciencia aínda non foi capaz de explicar”. Segundo lembrou, reivindicar o poder comunicativo, revelador e evocador dos sons foi un dos grandes obxectivos do proxecto Escoitar.org, nado en 2006 co cometido de elaborar de xeito colaborativo un mapa sonoro de Galicia. Aquela iniciativa (na que Carlos Suárez participou activamente) acabou morrendo dez anos despois por falla de apoios, aínda que sentou un precedente para propostas colectivas semellantes no resto do Estado e que se replica en outros proxectos por todo o mundo, como Aporee.org.
Segundo fixo saber o relator, as paisaxes sonoras están en todos os recantos das cidades e do rural, aínda que nos espazos urbanos son máis complicados de percibir por mor do ruído ambiental, mentres que no rural son moito máis doadas de “sentir e rexistrar con todos os seus matices”. Ademais, sinalou, igual que o paso do tempo “muda a percepción visual dos lugares, tamén o fai coa súa percepción sonora, por iso hai sons que hoxe podemos escoitar nun determinado lugar e que, se cadra, dentro duns anos sexa imposíbel saber deles”. Esta vontade de preservar é a que ten alentado proxectos como Escoitar.org e todas as plataformas de sons dixitalizados que viñeron despois.
No curso acelerado de Carlos Suárez inscribíronse 15 persoas, na súa maioría participantes á súa vez na parte de creación visual do Chanfaina Lab.

PUBLICIDADE