Carballo lánzase a adestrar youtubeir@s
martes, 28 de marzo do 2017
O
proxecto Youtubeir@s, destinado a encher as redes de contidos
audiovisuais na nosa lingua (facendo especial fincapé en YouTube),
vén de recibir un importante pulo nun dos concellos galegos onde,
precisamente, máis se ten traballado para galeguizar a grella
dixital dispoñíbel: o concello de Carballo. Sen ir máis lonxe,
Carballo celebra cada no un festival de webseries, o
Interplay, que é pioneiro e referencial por varios motivos, non só
por reivindicar o que fan os nosos creadores, senón tamén por ter
apostado por un formato (o das series en liña) que hai anos era
visto case como unha simple ocorrencia e hoxe é un terreo fértil
para industria, creadores e seareiros. Segundo
informou o Concello, esta semana comezaron os obradoiros de
videocreación arredor de Youtubeir@s, ou sexa, o adestramento previo
á participación no certame.
Este
martes, sen ir máis lonxe, celebráronse no IES Monte Neme e no Pazo
da Cultura dúas das tres accións formativas previstas. Os
participantes son creadoras e creadores interesadas/os en facer e
difundir vídeos na Rede de opinións e titoriais en galego. As
actividades veñen da man do Concello, máis polo miúdo do seu
Servizo de Normalización Lingüística. O terceiro dos obradoiros
terá lugar no IES Isidro Parga Pondal, tamén reservado para o seu
alumnado, e comezará o mércores 5 de abril ás 13:00 horas.
Cada
un destes breves obradoiros prácticos ten unha duración de tres
horas, repartidas en dúas sesións: unha primeira dunha hora, máis
teórica, na que se traballarán consellos básicos para sacarlles o
maior partido ás cámaras dos dispositivos móbiles e na que se
aprenderá a guionizar para transmitir mellor os coñecementos. Na
segunda sesión formativa, máis práctica e de dúas horas,
aprenderase a editar e difundir os vídeos.
Youtubeir@s,
como lembraremos, é unha iniciativa dos servizos de normalización
lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames,
Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de
Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña,
Santiago de Compostela e Vigo. O proxecto ten tres piares
fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación
para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan
vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros
en premios, e co prazo de inscrición aberto até o 28 de abril.
Os
vídeos que se presentarán ao certame, deberán ter unha duración
máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons
(licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e
co requisito de acreditar de autoría), seren producidos en galego e
estaren habilitados na rede social YouTube. Os e as participantes
poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos (para
videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos
(para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración
sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser
premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro
mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de
valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais
da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s, en palabras das
ditas entidades, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos
contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no
mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e
tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as
súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”.