Capcom volve ao Humble Bundle

martes, 10 de maio do 2016 Marcus Fernández

O pasado outono Capcom estreouse na iniciativa Humble Bundle ofrecendo un impresionante lote de xogos a un prezo reducido para recadar fondos para entidades benéficas, e a compañía debeu quedar satisfeita coa acción, porque repiten durante as vindeiras dúas semanas, no que agora chaman un Humble Capcom Super Turbo HD Remix Re Bundle, simpático xeito co que indican que repiten case todos os xogos do lote anterior, de xeito que é unha excelente oportunidade para os que deixaran pasar a promoción anterior.
Os usuarios que paguen a partires de 1 dólar recibirán os xogos STRIDER, Resident Evil Revelations 2- Episode 1: Penal Colony, Lost Planet 3 e Bionic Commando: Rearmed, mentres que pagando máis da media (8,12 dólares no momento de escribir estas liñas) recibiránse os xogos Resident Evil: Revelations, DmC: Devil May Cry, Resident Evil 4, Remember Me e algún xogo máis que anunciarán a semana que vén.
O principal cambio chega cando aportamos á campaña a partires de 15 dólares, pois recibiremos Devil May Cry 4: Special Edition e Resident Evil 6.
Desta volta a causa solidaria á que se contribuirá será un fondo de axuda para a recuperación tras o terremoto de Kumamoto (Xapón) a través de GlobalGiving (inicialmente buscarase axudar aos superviventes con bens de primeira necesidade, para pasar logo a colaborar coas entidades locais para contribuír a unha recuperación a longo prazo).

Resident Evil 6 é unha das novidades deste novo Bundle de Capcom

PUBLICIDADE